O concello de Ourense rexistra unha diminución do 12,8% das infraccións penais no ano 2020

Reunión da Xunta Local de Seguridade do concello de Ourense

19/04/2021

O subdelegado do Goberno informou do incremento de doce efectivos da Policía Nacional para labores de investigación

O concello de Ourense ten activos 160 casos no sistema VioGén, un 11% menos con respecto aos datos rexistrados no mes de decembro


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense, Telmo Ucha, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio.

O subdelegado do Goberno informou de que as estatísticas da Policía Nacional reflicten un descenso do 12,8% na cifra de delitos cometidos no ano 2020 no municipio de Ourense. Entre os meses de xaneiro e decembro rexistráronse un total de 3.691 infraccións penais neste concello, mentres que no mesmo período de 2019 foran de 4.231.

Emilio González sinalou que “en liñas xerais, o índice de infraccións penais no concello de Ourense reduciuse nunha porcentaxe moi importante, aínda que o 2020 foi un ano atípico no que a seguridade tamén se viu condicionada pola pandemia da COVID-19”. Así, informou de que destaca a diminución dos delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias nun 41,2%; dos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual nun 7,4%; das agresións sexuais con penetración nun 40%; dos roubos con forza en domicilios nun 29,9%; e dos furtos nun 37,2%.

O subdelegado do Goberno aproveitou para “felicitar aos mandos e aos funcionarios da Policía Nacional pola gran profesionalidade que demostran e a súa capacidade de traballo ao compatibilizar os labores para garantir o cumprimento da normativa sanitaria e de seguridade cidadá”. Así mesmo, subliñou a excelente colaboración e coordinación existente entre todas as forzas e corpos de seguridade no concello de Ourense.

Igualmente, o subdelegado do Goberno informou durante a reunión do incremento de doce efectivos de Policía Nacional que realizan labores de investigación na comisaría provincial dende que se produciu o traslado da sala do 091. “Con esta medida, que pretende optimizar os recursos, Ourense conta con máis policías na rúa e nos traballos de investigación, permitindo mellorar sensiblemente os operativos que velan pola seguridade dos ourensáns”, sinalou González Afonso.

O subdelegado do Goberno lembrou que o traslado da sala do 091 é unha decisión técnica que forma parte do Plan Estratéxico da Policía Nacional, aprobado polo Ministerio do Interior en 2016 e que se puxo en marcha en 2017. Froito dese plan, que ten a finalidade de conseguir unha maior eficacia e rapidez de resposta nas intervencións da Policía Nacional, implementáronse os Centros Intelixentes de Mando, Atención, Comunicación e Control. “Con esta medida a veciñanza non perde calidade na atención nin se ve resentido o servizo, como tampouco se resentiu cando desapareceron as salas do 091 noutras cidades como Santiago de Compostela ou Ferrol, permitindo que poida actuar a patrulla máis próxima para dar asistencia”.

VIOLENCIA DE XÉNERO

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indican un descenso do 11,11% no número de casos activos no sistema VioGén con respecto ás cifras aportadas na Xunta Local de Seguridade celebrada no mes de decembro, pasando de 180 casos activos a 160. Deles, 2 presentan risco alto, 6 risco medio, 49 risco baixo e 103 risco non apreciado. En canto ao seguimento dos casos activos, 97 son asignados á Policía Nacional, 20 á Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e 43 á Policía Local.

PLAN DIRECTOR

No tocante ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas sinalouse o mantemento dos dispositivos de vixilancia por parte da Policía Nacional, da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

Destacouse que durante este curso a maioría das actividades programadas nos centros escolares, como son as charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre temas de acoso escolar, riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais, bandas xuvenís e violencia de xénero, estanse a retomar de xeito telemático.

Así mesmo, déuselle traslado aos representantes das federacións e asociacións de veciños presentes na reunión de que, en canto a situación da pandemia o permita, retomaranse as charlas impartidas por parte da Policía Nacional sobre as temáticas que poidan resultar do seu interese.

Á reunión, que se levou a cabo na Subdelegación do Goberno, tamén asistiron o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias; a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez; a intendente da Policía Local, María Barrera; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Mª Alida Iglesias Gil; así como representantes das federacións e asociacións de veciños.