José Miñones apuntala co alcalde o compromiso do Goberno coas novas infraestruturas de Vigo

José Miñones apuntala co alcalde o compromiso do Goberno coas novas infraestruturas de Vigo

29/04/2021

O Goberno avanza nos proxectos da variante de Cerdedo para o AVE e na saída sur

A estación intermodal Vialia exemplifica o compromiso do Executivo coas infraestruturas de Vigo

O Ministerio de Transportes prevé someter a información pública e remitir para declaración de impacto ambiental a variante da A-52 entre Vigo e O Porriño


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, apuntalou hoxe o compromiso do Executivo coas novas infraestruturas de Vigo, que suporán unha revolución nas comunicacións da cidade e de toda Galicia.

O delegado reuniuse hoxe no concello co alcalde de Vigo, Abel Caballero. Na reunión, José Miñones expresoulle o avance na redacción ou execución de proxectos como a variante de Cerdedo para o AVE, a futura saída sur que facilitará a conexión con Portugal ou a nova variante da A-52 entre Vigo e O Porriño.

A visita reflectiu a boa relación e vontade de coordinación entre ambas administracións. José Miñones exemplificou isto co fío directo que ten o rexedor co Goberno, co presidente e cos seus ministros ademais da colaboración do propio delegado.

Lembrou tamén que a estación Vialia está en marcha dende o pasado mes de marzo e a continuación das obras para a próxima apertura de todos os seus servizos. “É unha obra que suporá unha revolución nas comunicación, non só de Vigo, senón de Galicia, e que renovará a fachada da cidade”, subliñou.

José Miñones incidiu en que este Goberno levou aos Orzamentos os “proxectos aletargados” da cidade. Nese senso, revelou que o Executivo prevé someter a información pública e remitir para declaración de impacto ambiental a variante da A-52 entre Vigo e O Porriño.

“Falamos de centos de millóns de euros que estamos a mobilizar e que suporán dar un paso de xigante no Vigo que quere o alcalde e os seus veciños e veciñas”, asegurou.

A visita do delegado do Goberno a Vigo sitúase dentro da súa rolda de contactos institucionais con motivo da súa recente chegada ao cargo. José Miñones estableceu o compromiso có municipalismo como unha das súas principais liñas de acción.