José Miñones anima á Noelia Rodríguez a participar na nova convocatoria de axudas do INAEM para a organización da Mostra Internacional do Teatro de Ribadavia

José Miñones anima á Noelia Rodríguez a participar na nova convocatoria de axudas do INAEM para a organización da Mostra Internacional do Teatro de Ribadavia

05/05/2021

O delegado do Goberno destaca o apoio do Ministerio de Cultura e Deporte a este acontecemento anual ao que destinou 166.100 euros nas súas tres últimas edicións

Lembrou o compromiso do ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez, para facer todo o posible para que a cultura siga viva porque “é segura e necesaria”

Insta ao resto de concellos, colectivos e empresas adicadas ao teatro e circo en Galicia a optar a estas subvencións do Ministerio de Cultura e Deporte


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou á alcaldesa de Ribadavia a participar na convocatoria de axudas estatais para o sector do teatro e do circo para este ano e ás que  pode optar a Mostra Internacional de Teatro. José Miñones trasladou a Noelia Rodriguez o contido da nova orden, que xa conta con prazo de solicitude aberto, e animou ao resto de concellos, colectivos e empresas adicadas ao teatro e circo en Galicia a optar a estas subvencións do Ministerio de Cultura e Deporte. O delegado do Goberno tomou prestadas as verbas do ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez, apelando a que “a cultura é segura e necesaria” e que “debemos facer todo o posible para que siga viva”.

José Miñones destacou o apoio do Goberno á Mostra Internacional de Teatro do Concello de Ribadavia con aportacións que sumaron nas últimas tres convocatorias 166.100 euros. E insistiu en que a Mostra cumpre co sentir destas axudas públicas, “que non é outro que o de fortalecer as estruturas culturais nun momento de cambios e novas necesidades, axudando na recuperación económica, sectorial e turística”.

“A atención á diversidade, a conexión entre o lecer e o ámbito educativo, a programación paritaria, os valores de igualdade e tolerancia que destilan do programa da MIT de Ribadavia sitúana nun lugar estratéxico que o Ministerio de Cultura e Deporte apoia con apoio económico crecente, pasando dos 51.000 euros que percibiu na convocatoria de 2019 aos 64.000 euros na convocatoria de 2020”.

A convocatoria do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), do Ministerio de Cultura e Deporte, está aberta tamén a empresas e colectivos de ámbolos dous sectores escénicos. A contía máxima de cada axuda non poderá superar o 75% do custe total estimado da actividade. No caso de que o peticionario sexa unha entidade local, esta contía máxima non poderá superar o 65% do custe total.

O orzamento total para esta convocatoria ascende a 8.035.528 euros. O prazo para a presentación das solicitudes é de 15 días hábiles.