A subdelegada do Goberno e a alcaldesa de Lugo defenden a transformación das rúas en espazo de convivencia

11/05/2021

 A Dirección Xeral de Tráfico calcula que o novo límite de velocidade urbana a 30 km/h en vías dun só carril por sentido afecta aproximadamente a un 70% das vías urbanas
 Coa nova normativa, Tráfico aposta por pobos e cidades máis seguros, máis habitables e máis sustentables, con menos ruído e contaminación
 O risco de falecemento dun peón atropelado é do 90% se o vehículo circula a 50 km/h e redúcese ao 10% cando a velocidade é de 30 km/ h.
 En 2020 rexistráronse 3 vítimas mortais en vías urbanas na provincia de Lugo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, coincidiron hoxe na necesidade de que as rúas se transformen nun espazo para a convivencia dos cidadáns. Coincidiron na defensa de pobos e cidades máis humanos e máis seguros para as persoas durante un acto celebrado esta mañá con motivo da entrada en vigor, hoxe dos novos límites xenéricos de velocidade en vías urbanas no que tamén participaron o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o tenente do subsector de Tráfico da Garda Civil José Manuel López Santiso e o xefe da Policía Local de Lugo, Jesús Piñeiro.

 

A reforma do Regulamento Xeral de Circulación aprobada o pasado mes de novembro establece os seguintes límites de velocidade xenéricos en zona urbana:

a)     20 km/ h en vías que dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa.

b)     30 km/ h en vías dun único carril por sentido de circulación, fronte aos anteriores 50 km/.

c)      50 km/ h en vías de dúas ou máis carrís por sentido de circulación.

 

Esas velocidades xenéricas poderán ser rebaixadas, previa sinalización específica, pola Autoridade municipal.

 

AS VÍAS URBANAS COMO ESPAZO DE CONVIVENCIA

 

Seguindo as recomendacións de organismos internacionais, o Goberno aposta decididamente por un modelo de convivencia segura entre o coche e os demais usuarios da vía, moito máis vulnerables (peóns, ciclistas, vehículos de mobilidade persoal, ciclomotores e motocicletas, etc.).

 

Responde tamén a unha demanda dos municipios españois e ten en conta as medidas que desde hai varios anos foron implantando moitos deles, como Lugo, que xa incluíron límites de velocidade de 30 km en distintas rúas..

 

O acougado do tráfico, á vez que repercute nun menor número de vítimas de accidentes, tamén humaniza o modelo de circulación urbana: favorece un espazo máis habitable e axuda a fomentar formas de mobilidade sostible: estimula os desprazamentos en medios activos (a pé e en bicicleta), ao percibirse a contorna como máis amable e seguro, ou no transporte público.

 

E non estamos a pensar soamente en grandes urbes, senón tamén en localidades máis pequenas onde sempre se mantivo esa convivencia e a necesidade de compartir o espazo para facelas seguras e agradables para os seus habitantes e quen as visita: esta medida axudará a conseguilo a todos os pobos e cidades da nosa provincia.

 

OS ACCIDENTES EN ZONA URBANA E AS SÚAS CONSECUENCIAS

 

Desde logo, a seguridade viaria urbana é unha prioridade: durante o ano 2019, os falecidos en accidente de tráfico en vías urbanas aumentaron en España un 6%, ata 519 persoas, mentres na estrada baixaban o 6%. Aínda que os datos provisionais de 2020 mostran unha notable baixada, as limitacións de mobilidade que marcaron o ano obrigan a poñer reservas a calquera conclusión. A provincia de Lugo, con todo, pechou 2019 con dous falecidos en vías urbanas, mentres que en 2020 tivemos que lamentar tres vítimas mortais.

 

Aproximadamente o 80% dos falecidos en cidades durante os últimos anos foron usuarios vulnerables, é dicir, peóns, ciclistas e  motociclistas.

 

O ATROPELO A 50KM/H E A 30 KM/H

 

O risco de falecer como consecuencia dun atropelo é do 90% a 50 km/ h e redúcese ao 10% se a velocidade do vehículo que impacta é de 30 km/ h. Ademais, a distancia de freado redúcese á metade e os sistemas de seguridade para peóns que incorporan algúns vehículos son moito máis  eficaces a 30 km/ h. que a 50 km/ h.

 

Por iso, considérase que esta medida podería axudar a reducir ata nun 80% os accidentes mortais deste tipo.

 

Durante o período 2010-2020, nas zonas urbanas da provincia de Lugo perderon a vida 14 peóns por atropelo, 160 tiveron que ser hospitalizadas debido ás feridas que sofriron e outras 511 persoas quedaron feridas de diversa consideración. En particular, desde 2016 apréciase unha tendencia descendente no número de atropelos con vítimas. En 2019 rexistráronse 44, 33 menos que o ano anterior, aínda que faleceu unha persoa, 14 resultaron feridas hospitalizadas e 33 de menor consideración.

 

En 2020 non se rexistraron falecidos en atropelo na provincia, o mesmo que en 2018, pero 9 persoas requiriron hospitalización e 25 resultaron feridas de menor gravidade. No que levamos de 2021, rexistráronse 12 atropelos con vítimas, 2 hospitalizadas e 11 leves.

 

Aínda que temos que lembrar que esa “menor gravidade” a miúdo consiste en fracturas, escordaduras e outras lesións que implican baixas laborais, períodos de recuperación máis ou menos longos e, como mínimo, bastantes molestias.

 

OUTROS ACCIDENTES EN ZONA URBANA

 

Pero a accidentalidade urbana non soamente consiste en atropelos a peóns: poñamos esa cifra en perspectiva co total de 3 falecidos, 18 feridos hospitalizados e 118 feridos menos graves durante 2020 nas vías urbanas da provincia, debido a accidentes doutro tipo nos que a velocidade tamén inflúe de forma determinante, no propio accidente ou nas súas consecuencias: así, deses 3 falecidos en zona urbana 1 produciuse nunha colisión  frontolateral e 2 por saída da vía e posterior colisión contra un obstáculo.

 

En 2019 perderon a vida 2 persoas en zona urbana, rexistráronse 24 feridos hospitalizados e 150 non hospitalizados.