A Seguridade Social presenta en Lugo o portal Import@ass que facilita a realización de ata 40 trámites e xestións

18/05/2021

 A subdelegada do Goberno e o director provincial da Seguridade Social presentan o novo portal aos axentes sociais lucenses
 Isabel Rodríguez destaca que se trata dun novo avance no uso das novas tecnoloxías para facilitar aos cidadáns as súas relacións coa Administración
 O novo portal axudará a simplificar os trámites coa Seguridade Social ás persoas interesadas en contratar un empregado/a de fogar, colectivo no que traballan máis de 3.000 persoas na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe na presentación de Import@ass, o novo portal da Tesourería Xeral da Seguridade Social aos axentes sociais lucenses, que correu a cargo do director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e da directora de Administración da TXGSS na provincia de Lugo, Laura Copa. O acto, no que se realizaron demostracións prácticas do funcionamento do novo portal, tivo lugar esta mañá na Subdelegación do Goberno e reuniu a representantes dos sindicatos, da patronal e de distintas entidades sociais.

 

Isabel Rodríguez explicou que o novo portal Import@ass “supón un avance no obxectivo do Goberno de darlle as máximas facilidades aos cidadáns nas súas relacións coa Administración aproveitando as posibilidades que nos brindan as novas tecnoloxías”.

 

A subdelegada indicou que “a Seguridade Social está dando moitos pasos neste sentido, como o demostrou coa creación do asistente virtual ISSA durante os primeiros meses da pandemia ou co posta en marcha de @incluinfo, o canal de atención á cidadanía en Twitter”.

 

Rodríguez subliñou que “este novo portal caracterízase por poñer ao cidadán no centro, é de fácil acceso xa que está dispoñible para todo tipo de dispositivos, tanto teléfonos móbiles como tabletas ou ordenadores, e o que me parece máis importante, é moi intuitivo e utiliza unha linguaxe sinxela e comprensible”.

 

Informou de que “en total son 40 os trámites e xestións da Seguridade Social que se poden facer a través deste novo canal que, ademais, dedica especial atención a colectivos como o do emprego no fogar”.

 

Pola súa parte, Juan José Rodríguez Gude informou de que na provincia de Lugo son 3.140 as persoas empregadas de fogar de un total de unhas 120.000 persoas afiliadas á Seguridade Social..

 

Explicou tamén que en Import@ss poderanse facer xestións como, por exemplo, a consulta de información de vida laboral, obter informes, o número da Seguridade Social ou dar de alta a unha persoa empregada do fogar.

 

O acceso ao novo portal pode facerse desde a web seg-social.es, a través da sede electrónica sede.seg-social.gob.es e da app da Seguridade Social.

 

CONTIDO DO PORTAL IMPORT@ASS

A nova web organizouse distinguindo dúas partes: unha páxina principal ou de acceso público, e unha área persoal. Na área pública está toda a información necesaria para realizar calquera trámite ou xestión, nunha linguaxe próxima e comprensible por calquera cidadán.

 

Organízase en catro grandes categorías: vida laboral e informes; altas, baixas e modificacións; consulta de pagos e débedas, e modificacións. Por tanto, ao acceder ao área pública poderase consultar un informe de vida laboral, o número da Seguridade Social, xestionar un alta no Réxime

de Autónomos e dar de alta a un empregade@ do fogar, ou obter un documento que acredite que estás ao corrente no pago das débedas coa Seguridade Social.

 

Na área persoal, unha vez que se accede cos medios de acreditación habilitados (vía SMS, Cl@ve ou certificado dixital), o cidadán visualiza de forma inmediata todos os seus datos, situacións laborais actuais, vida laboral na Seguridade Social e situacións específicas tanto se é un traballador/a como un empregador/a de fogar.

 

En canto ao acceso vía SMS, destacouse que se trata dun método seguro para o que só é preciso que a Seguridade Social teá rexistrado o número de teléfono móbil.

 

TRABALLADORES E EMPREGADORES DO FOGAR

 

Debido ás características especiais no ámbito da Seguridade Social das persoas que traballan ou empregan no ámbito do fogar familiar, no deseño de Import@ss tívose moi en conta a súa linguaxe, a formulación das preguntas, as mensaxes.

 

Ademais, incluíuse un simulador que calcula a cota mensual que se pagaría ao dar de alta a un traballador do fogar, só indicando quen realizará o alta, os datos da xornada e o salario mensual máis as pagas extras, se as hai.

 

Nos próximos meses espérase que o portal creza e ofreza outros servizos para  colectivos como os autónomos.