José Miñones exemplifica coa rehabilitación de San Xulián do Camiño, en Palas de Rei, o compromiso do Goberno co Xacobeo

27/05/2021

As obras na contorna da igrexa de San Xulián do Camiño, por 323.525 euros do Ministerio de Transportes, empezaron este mes e concluirán despois do verán

O Ministerio de Cultura vén de abrir un escape room urbano en Palas de Rei e prevé inaugurar outro en Sarria nas próximas semanas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou hoxe, coa rehabilitación da contorna de San Xulián do Camiño, en Palas de Rei, o compromiso do Executivo co Xacobeo. Expresouse así durante a supervisión da iniciativa que financia o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; José Miñones estivo co alcalde, Pablo Taboada, e co voceiro da oposición, Horacio Rouco. Supervisou o inicio das obras na contorna da igrexa de San Xulián do Camiño. O obxectivo destas é recuperar o valor arquitectónico deste núcleo.

Cun investimento de 323.525 euros, a actuación inclúe o tratamento dos arredores da igrexa y das marxes do Camiño ao seu paso por este núcleo, ademáis dos tramos do Camiño na entrada e na saída da localidade. Completarase nun prazo duns seis meses.

“Falar de Palas de Rei é falar do Camiño de Santiago e hoxe estamos en Palas para por en valor o Camiño e subliñar o compromiso do Goberno de España co Camiño e co Xacobeo”, destacou José Miñones.

Está prevista a incorporación soterrada dos sistemas xerais de servizos, a rede de saneamento separativa, a rede de abastecemento, o subministro eléctrico, o alumeado público e a rede de telecomunicacións.

Esta obra forma parte das intervencións de interese cultural nos concellos das provincias de Lugo e A Coruña que teñen tramos do Camiño Francés: O Pino, Arzua, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Paradela, Sarria, Samos, Triacastela, Monterroso e Pedrafita de Cebreiro. O investimento total dende 2016 son 4.933.246 euros.

O delegado do Goberno destacou o traballo do ministro de Transportes, José Luis Ábalos, polo Xacobeo e polas infraestruturas de Galicia, patente en actuacións como a supervisada hoxe.

Tamén citou ao ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, polo primeiro escape room do Camiño, que está aberto dende hai unhas semanas en Palas de Rei. Trátase dun escape room urbano vinculado ao Camiño baixo o título The Escape Way. Está prevista a inauguración doutro similar nas próximas datas en Sarria, tamén na provincia de Lugo.

“O compromiso do Goberno de España co Camiño e co Xacobeo é firme e se pode ver en concellos como Palas, en cidades como Santiago onde a Catedral e a súa escalinata loce con todo esplendor, e tamén como fixemos esta mañá no Obradoiro coa directora xeral da Garda Civil, coa seguridade no Camiño”, engadiu o delegado.