José Miñones nomea a María Rivas nova subdelegada do Goberno na Coruña tras a xubilación de Pilar López-Rioboo

01/06/2021

Destaca a capacidade de traballo, enerxía e compromiso de María Rivas, funcionaria do Concello da Coruña e actual xefa de Gabinete do delegado do Goberno

Agradece o labor de Pilar López-Rioboo, especialmente polo estreito contacto cos concellos e o seu esforzo por aplicar as políticas sociais e de igualdade


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nomea á funcionaria María Rivas nova subdelegada na Coruña, tras a xubilación de Pilar López-Rioboo, feito que se producirá de maneira efectiva o próximo día 11 de xuño.

O delegado do Goberno subliña que se trata dun relevo natural, co que se da continuidade ao traballo que se vén facendo desde a Subdelegación, pero cun novo pulo. Neste sentido, destaca que é unha muller nova a que toma o relevo doutra muller ao frente da Subdelegación.

José Miñones valora a capacidade de traballo, enerxía e compromiso de María Rivas, funcionaria do Concello da Coruña e que nos tres últimos anos exerceu de xefa de Gabinete do delegado do Goberno, polo que é coñecedora da administración pública e do proxecto político do Goberno de España. O delegado anima a María Rivas a aproveitar o traballo ben feito por Pilar López-Rioboo e abordar un proxecto de continuidade renovada para que a Subdelegación siga a ser o lugar de encontro, atención e servizo aos concellos da provincia, co fin de dar a mellor resposta ás demandas e anhelos dos coruñeses e coruñesas.

Ao mesmo tempo, José Miñones agradece o traballo feito pola actual subdelegada da Coruña nos últimos tres anos, nos que achegou as políticas do Goberno de España aos concellos da provincia, con estreito e permanente contacto co que canalizou os plans da Moncloa e atendeu as demandas dos alcaldes e alcaldesas.

O delegado destaca o compromiso amosado por Pilar López-Rioboo especialmente nas políticas sociais e de igualdade, traballando arreo pola incorporación dos concellos coruñeses ao Pacto de Estado e ao sistema Vioxen de protección das vítimas de violencia de xénero. De feito, na súa etapa, multiplicou por cinco o número de concellos adheridos ao sistema de seguimento de casos do Ministerio do Interior, pasando de tres a 15 nestes tres anos.

O seu traballo para avanzar na consecución de infraestruturas e a implicación e coordinación dos servizos públicos para dar a mellor resposta aos coruñeses e coruñesas durante a pandemia, son cuestións que o delegado destaca na tarefa desenvolvida pola subdelegada neste tempo. Neste sentido, foi esencial a labor de coordinación dos distintos servizos para tramitar ERTEs, axudas a autónomos, Ingreso Mínimo Vital, financiamento do ICO, e todo o conxunto de medidas que conforman o escudo social posto en marcha para protexer á cidadanía.

María Rivas é licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña e funcionaria do Concello da Coruña desde o ano 2001. Neste tempo ten asumido diferentes responsabilidades no concello coruñés, como coordinadora de rexistros municipais e xefa do servizo de Alcaldía, entre outros. Desde xuño de 2018 asumiu a xefatura de Gabinete do delegado do Goberno en Galicia.