A subdelegada do Goberno visita as Salinas de Ulló con motivo do Día Mundial do Medioambiente

A subdelegada do Goberno visita as Salinas de Ulló con motivo do Día Mundial do Medioambiente

04/06/2021

Acompañada polo alcalde do Concello de Vilaboa, César Poza, Maica Larriba percorreu a senda do espazo natural, recuperada anos atrás pola Dirección Xeral de Costas

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou esta mañá as Salinas de Ulló xunto ao alcalde de Vilaboa, César Poza. Xuntos percorreron parte da senda que atravesa este espazo natural con motivo do Día do Medio Ambiente, que se celebra mañá 6 de xuño.

As  Salinas de  Ulló son un espazo de especial protección que forma parte da Rede Natura 2000 debido á riqueza da súa fauna e flora. A subdelegada subliñou o valor medioambiental desta contorna, “xa que neste espazo conviven catro ecosistemas - o bosque de ribeira, a  carriceira, a marisma e a enseada-, sendo, ademais, fogar de numerosas aves, bivalvos e peixes”.

Larriba lembrou, así mesmo, que hoxe “todos os veciños e veciñas podemos gozar deste espazo grazas as labores de recuperación realizadas anos atrás pola Dirección Xeral de Costas, que puxeron en valor un exemplo antigo de explotación sostible dos recursos naturais e do territorio e un espazo cunhas características patrimoniais, naturais e paisaxísticas únicas”.

O Día Mundial do Medio Ambiente está dedicado este ano á restauración dos ecosistemas. A subdelegada recordou, neste sentido, que este enclave é un exemplo de recuperación e protección duns ecosistemas fráxiles e de alto valor. “A zona é un dos máis importantes puntos da Rías Baixas para as aves mariñas e  limícolas, contándose por milleiros as que acoden aquí especialmente na época de cría e sobre todo para pasar o inverno”, explicou.

Larriba destacou tamén o traballo do Goberno a prol da prevención, detención e reversión da degradación dos ecosistemas, xa que estes sustentan todas as formas de vida da Terra. “Non podemos esquecer que da saúde dos nosos ecosistemas, depende directamente a saúde do noso planeta e dos seus habitantes”, afirmou. A Axenda 2030 inclúe, entre un dos seus obxectivos de desenvolvemento sostible, a loita contra a desertificación e a detención da degradación das terras e da perda de biodiversidade.

Por último, remarcou que desde a Subdelegación do Goberno “queremos poñer en valor a riqueza medioambiental da nosa provincia e, á vez, concienciar á sociedade da importancia da súa preservación, que depende de todas e todos nós”.