Maica Larriba visita as instalacións da Cruz Vermella de Pontevedra para coordinar a primeira entrega do programa de axuda alimentaria do Goberno

Maica Larriba visita as instalacións da Cruz Vermella de Pontevedra para coordinar a primeira entrega do programa de axuda alimentaria do Goberno

07/06/2021

A subdelegada do Goberno acudiu hoxe xunto a representantes da Asemblea Provincial da Cruz Vermella de Pontevedra á entrega de  216 toneladas de alimentos do programa de Axuda Alimentaria 2021 do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra,   Maica Larriba, estivo presente esta mañá na entrega da primeira partida da Axuda Alimentaria 2021 destinada á Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra.

A entidade social, que participa no Programa 2021 de Axuda Alimentaria para as persoas máis desfavorecidas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, recibiu nesta primeira fase do programa un total de 216 toneladas de comida destinadas ás persoas con menos recursos da provincia. Nesta primeira entrega, a Cruz Vermella e o Banco de Alimentos -entidades que se encargan do almacenamento e distribución dos alimentos na provincia- repartirán entre máis dun centenar asociacións 433 toneladas de produtos alimenticios.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra actúa, a través da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación, como unidade de control do programa. Con esta primeira etapa arranca a anualidade 2021 deste programa de axuda, que o ano pasado contou na provincia con máis de 20.000 beneficiarios.

Durante a súa visita, Maica Larriba quixo agradecer “á Cruz Vermella o seu papel e a súa impagable achega como centro de almacenamento e distribución”. A subdelegada quixo, así mesmo, destacar “a axuda inestimable do máis de centenar de organizacións de reparto que colaboran co Goberno na provincia, encargándose da entrega ás persoas máis necesitadas destes produtos alimenticios non perecedoiros”.

Esta é a primeira das dúas remesas que repartirá o programa nesta anualidade a través da Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra e o Banco de Alimentos -que esta semana recibirá tamén a 216 toneladas de comida-. Estas organizacións actúan como centro de almacenamento e distribución (CAD) na provincia. As dúas institucións contan coa colaboración de máis dun centenar de organizacións locais de reparto, que son as encargadas de facer chegar directamente as cestas de alimentos esenciais a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade.

Maica Larriba fixo fincapé na relevancia deste programa, “que contribúe a mitigar a situación das persoas más desfavorecidas da provincia nun momento no que a poboación máis vulnerable da nosa sociedade está a sufrir especialmente debido ás consecuencias da crise motivada pola COVID-19”. 

Na súa visita aos almacéns da organización, a subdelegada do Goberno estivo acompañada pola súa presidenta provincial, María Teresa Álvarez, e pola secretaria e técnica do proxecto, María Jesús Fernández e Berta Segovia, respectivamente, así como polo xefe da Dependencia de Agricultura, Pesca e Alimentación da Subdelegación do Goberno, Javier Seoane.

Programa 2021 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), puxo en marcha este mes o “Programa 2021 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas”, que repartirá gratuitamente 59.225.632 quilos de alimentos en todo o territorio nacional.

Esta acción requiriu a adquisición de alimentos, a través dun proceso de licitación pública, por 42 millóns de euros, e está cofinanciada nun 85 % polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15 % polo orzamento nacional.

Desenvolverase en dúas fases ao longo de todo o ano 2021. Na primeira, que acaba de comezar, distribuiranse 23,69 millóns de quilos de alimentos, o que supón aproximadamente o 40 por cento das cantidades totais a distribuír no programa.

Os alimentos adquiridos son de carácter básico, variados, nutritivos, pouco perecedoiros, de fácil transporte e almacenamento. A "cesta" inclúe arroz, fabas cocidas, leite enteiro  UHT,  atún en conserva, pasta alimenticia, tomate frito, galletas,  macedonia de verduras, cacao soluble e  tarriños infantís de froita e de polo.