Larriba recibe a Marta Domínguez, campioa de España de squash e ao seu adestrador, Miguel Novegil

Larriba recibe a Marta Domínguez, campioa de España de squash e ao seu adestrador, Miguel Novegil

08/06/2021

A subdelegada do Goberno recibiu hoxe na Subdelegación do Goberno á deportista do Club de Squash Pontevedra

Pontevedra, 8  de xuño de 2021.- Larriba, recibiu esta mañá a xogadora de squash Marta Domínguez e ao seu adestrador, Miguel Novegil, para felicitala pola súa recente vitoria no campionato de España de squash, na categoría absoluta. 

A subdelegada quixo, en primeiro lugar, darlle os parabéns a Marta Domínguez polo seu éxito, así como poñer en relevo o traballo, dedicación e constancia que levaron a esta viguesa a proclamarse con tan só 19 anos campioa de España na categoría absoluta. “A túa xesta coloca a provincia de Pontevedra á cabeza deste deporte e é un orgullo para todas nós”, afirmou Larriba.

A subdelegada lembrou o obxectivo do Goberno de avanzar na igualdade de xénero no ámbito deportivo e o seu compromiso por promover a profesionalización dos deportes femininos e aumentar a visibilidade das mulleres. “É unha realidade que faltan mulleres tanto na práctica como na xerencia e na dirección deportiva, por iso é importante reclamar e visibilizar os éxitos de deportistas como Marta”.

Un brillante palmarés

A xogadora do Club Squash Pontevedra Marta Domínguez deu un paso máis no seu brillante palmarés o pasado mes de maio ao lograr o seu primeiro título de campioa de España na categoría absoluta.

Dedicada a este deporte desde pequeña, Domínguez xa fora campioa de España en distintas categorías e subcampioa absoluta. Ademais conseguiu o bronce no campionato europeo sub-17.