Isabel Rodríguez e Lara Méndez presiden a reunión que analiza o dispositivo de seguridade do Arde Lucus 2021

Isabel Rodríguez e Lara Méndez presiden a reunión que analiza o dispositivo de seguridade do Arde Lucus 2021

10/06/2021

 A subdelegada destaca a colaboración das forzas de seguridade do Estado para que a festa se desenvolva coas máximas garantías e pide que a flexibilización das restricións sanitarias non leve a relaxar as medidas de protección que seguen en vigor
 A alcaldesa anuncia que se reforzarán os dispositivos de seguridade e pediu responsabilidade á cidadanía
 Rodríguez deu conta da favorable evolución da seguridade en Lugo, pero alerta do incremento dos delitos telemáticos


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, copresidiron hoxe a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se analizou o dispositivo de seguridade das festas do Arde Lucus, que terán lugar do 18 ao 20 de xuño e que nesta edición incluirán varios concertos e actividades na rúa. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro de Xuventude, Mauricio Repetto, así como responsables da Policía Nacional, a Policía Local, a Policía Autonómica, o Subsector de Tráfico da Garda Civil, os Bombeiros e o servizo de Protección Civil do Concello.

 

A subdelegada anunciou que as forzas de seguridade do Estado colaborarán cos medios e servizos do Concello para que as actividades do Arde Lucus se desenvolvan coas máximas garantías. Isabel Rodríguez chamou a atención sobre o feito de que este ano a celebración do Arde Lucus coincidirá co levantamento da maioría das restricións establecidas polas autoridades sanitarias de Galicia. Neste sentido, a subdelegada fixo un chamamento a cidadáns e hostaleiros para que non deixen de cumprir coas medidas de protección que se manteñen vixentes, como poden ser o uso da máscara e o respecto de horarios e aforos.

 

Pola súa parte, a alcaldesa anunciou que se reforzarán os dispositivos para evitar aglomeracións tanto nas actividades incluídas no programa coma nos concertos co propósito de velar para que se cumpran os protocolos emitidos polas autoridades sanitarias. A rexedora enviou unha mensaxe tranquilizadora para a veciñanza pero contundente para aqueles que contraveñen á normativa, de que dende o Concello de Lugo, Policía Local e o resto de forzas de seguridade actuarán para velar pola seguridade de todas e todos nos, a súa vez pediu responsabilidade á cidadanía para que “podamos pasar un Arde Lucus ante todo seguro”.

 

SEGURIDADE CIDADÁ

 

Na reunión tamén se analizou a situación da seguridade cidadá no concello de Lugo e constatouse o forte descenso que experimentou a delincuencia no municipio durante 2020. A baixada foi do 15,21%, ao pasar das 3.037 infraccións penais rexistradas en 2019 a 2.575, segundo recollen as estatísticas da Policía Nacional.

 

O descenso foi do 15,23% no caso dos leitos graves e menos graves, que baixaron de 1.372 a 1.163, e foi xeneralizado, afectou tanto aos delitos contra as persoas e a liberdade sexual como aos roubos e aos cometidos contra o patrimonio.

 

A subdelegada destacou que “a evolución da criminalidade en 2020 foi moi boa pero non debemos ser triunfalistas, é evidente que esta caída en picado da delincuencia está relacionada coa declaración do estado de alarma e as restricións á mobilidade”.

 

“Houbo menos delitos, pero tamén hai outro dato positivo e moi relevante, como é o aumento en 3,16 puntos da eficacia policial”, subliñou Rodríguez, quen detallou que en 2020 a Policía Nacional logrou esclarecer 1.125 dos 2.575 delitos rexistrados.

 

DELITOS TELEMÁTICOS

 

A subdelegada tamén avanzou que no que levamos de ano segue o descenso na cifra de delitos graves e menos graves. Entre xaneiro e maio rexistráronse 439 denuncias deste tipo, mentres que no mesmo período de 2020 eran 479, o que supón unha baixada do 8,35%.

 

Pola contra, a subdelegada alertou do aumento que se está a rexistrar nos delitos telemáticos e advertiu de que nos cinco primeiros meses do ano aumentaron un 140,81%  este tipo de estafas ao rexistrarse 53 denuncias.

 

A subdelegada advertiu á cidadanía da necesidade de tomar conciencia da necesidade de adoptar todas as medidas de seguridade posíbles cando se fan compras por Internet. Neste sentido, lembrou que non se deben facer compras en Internet sen comprobar que o facemos a través dunha web segura e nunca se deben facilitar datos persoais ou bancarios en resposta a correos electrónicos ou mensaxes.