A subdelegada do Goberno coordina o operativo das forzas de seguridade que velan polo cumprimento das medidas sanitarias

Imagen reunión coordinación policial

16/06/2021

 Isabel Rodríguez lembra que a pandemia non acabou e pide aos lucenses que a flexibilización das restricións non conduza a un exceso de confianza e ao incumprimento das medidas que manteñen as autoridades sanitarias
 A subdelegada anuncia que as forzas de seguridade reforzarán a vixilancia nos próximos días na cidade de Lugo con motivo da celebración do Arde Lucus
 Na última semana a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 631 controis, 527 inspeccións en locais de hostalaría, identificaron a 6.850 persoas e formularon 79 propostas de sanción


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal das forzas de seguridade para organizar o operativo encargado de velar polo cumprimento das restricións establecidas para a provincia polas autoridades sanitarias. A reunión de coordinación celebrouse esta mañá, na Subdelegación do Goberno, coa participación de mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo, así como de representantes de Protección Civil e a Subdelegación.

 

Isabel Rodríguez lembrou que a flexibilización nas restricións non debe dar lugar a un exceso de confianza porque a pandemia non acabou. Por este motivo, a subdelegada insistiu na importancia de manter as distintas medidas de autoprotección e de respectar todas as obrigas que manteñen as autoridades sanitarias, tanto no referido aos aforos e horarios como o uso da máscara ou non fumar sen garantir a distancia de seguridade.  

 

A subdelegada anunciou que as forzas de seguridade reforzarán a vixilancia nos próximos días na cidade de Lugo coincidindo coa celebración da festa do Arde Lucus.

 

Na xuntanza, a subdelegada informou de que na última semana a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 631 controis coa participación de 1.217 axentes. Fixeron tamén 527 inspeccións en establecementos de hostalaría. Ademais, identificaron a 6.850 persoas e controlaron 5.923 vehículos.

 

Como resultado deste dispositivo, a Policía Nacional e a Garda Civil formularon 79 propostas de sanción entre o día 9 e o 15 de xuño.