José Miñones celebra a finalización da obra do novo CAISS da Seguridade Social de Viveiro, que cumpre unha demanda histórica da comarca da Mariña

José Miñones celebra a finalización da obra do novo CAISS da Seguridade Social de Viveiro, que cumpre unha demanda histórica da comarca da Mariña

18/06/2021

O delegado insiste na aposta pola cohesión territorial, “co convecemento de que calquera cidadán, con independencia de onde resida, debe ter as mesmas oportunidades para estudiar, para traballar e para relacionarse coas administracións”

Engade que o Goberno considera prioritario no momento actual facilitar o acceso á xestión das prestacións e para iso son precisas instalacións axeitadas e accesibles

Agradeceu á alcaldesa de Viveiro, a subdelegada do Goberno en Lugo e ao director provincial do INSS a súa teima por desbloquear un investimento que levaba 30 anos paralizado

Tamén na Mariña, José Miñones supervisou en Ourol as actuacións vinculadas á eficiencia enerxética subvencionadas con 160.602 euros polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, celebrou hoxe a finalización da obra do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) de Viveiro, co que o Goberno cumpre unha demanda de 30 anos da comarca da Mariña. José Miñones comprobou o resultado deste investimento de 844.325 euros sobre unha parcela cedida polo Concello xunto coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e o director provincial do INSS, Juan José Rodríguez Gude. Para eles tivo palabras de felicitación, pola teima amosada para que este proxecto, longamente agardado, fora, por fin, unha realidade.

O novo edificio, que foi recepcionado onte, substituirá ao actual CAISS ubicado na planta baixa da Casa do Mar de Celeiro, onde comparte as instalacións con outros servizos do Estado e da Xunta. O delegado do Goberno lembrou que por estas instalacións pasaron nos últimos dous anos máis de 20.000 persoas que agora verán mellorada a atención cun “edificio diáfano, accesible e cunha superficie de 400 metros cadrados”, na liña da traballo do Goberno de garantir o acceso á xestión das prestacións. “Nun momento como o actual, é prioritario facilitar estos trámites por tódalas canles posibles”, indicou, engadindo que na provincia de Lugo, “só en maio a Seguridade Social aboou máis de 38.000 pensións por xubilación, viuvez ou incapacidade, e o Ingreso Mínimo Vital chegou a 4.671 lucenses”.

O delegado do Goberno indicou que estes investimentos permiten avanzar cara á cohesión territorial, que conforma, xunto coa cohesión social, a transición ecolóxica, a transformación dixital, e a igualdade de xénero os eixes estratéxicos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. A cohesión territorial nace do “convencemento de que calquera cidadán, con independencia de onde resida, debe ter as mesmas oportunidades para estudiar, para traballar e para relacionarse coas administracións”, explicou José Miñones.

Xunto co novo CAISS, o Goberno promove outras actuacións na Mariña para avanzar nesta modernización sostible, dixital, e cohesionada. O delegado citou, entre outras accións, a extensión da banda ancha de altas prestacións a través do Plan PEBA. No caso de Viveiro, a última convocatoria deste Plan do Goberno permitirá ampliar este servizo imprescindible a 83 entidades de poboación deste Concello nos próximos meses dentro do proxecto aprobado para a provincia de Lugo e que mobiliza 7,5 millóns de euros.

Por outra banda, a zona rural de Viveiro tamén se esta beneficiando do plan da empresa Correos polo que os carteiros que prestan servizo nestas áreas posibilitan aos cidadáns realizar xestións como pago de recibos, que ata agora só se prestaban nas oficinas.

Visita a Ourol

Acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo; José Miñones estivo posteriomente  en Ourol co alcalde, José Luis Pajón. Xuntos, visitaron a Casa do Concello e o Centro Social onde se están executando dúas actuacións de mellora da eficiencia enerxética cofinanciadas entre o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e o Concello, con 142.350 euros de aportación estatal.

Ademáis destes, o IDAE financia en Ourol dous proxectos máis: a instalación de iluminación pública exterior na parroquia de Bravos (a través do proxecto ILUMIN@ da Deputación de Lugo) e a rehabilitación integral da antiga Cámara Agraria para oficinas municipais de atención ao público, con achegas de 22.815 e 82.027 euros respectivamente. En resumo, a totalidade achegada polo Ministerio para actuacións de transición ecolóxica neste Concello ascende a 160.602 euros.

Pola súa parte, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración ten 30 entidades de poboación de Ourol beneficiarias na última convocatoria e nas que se instalará este servizo nos próximos meses.

Declaracións do delegado do Goberno (MP3 · 972,41 KB)