Emilio González visita o almacén do Banco de Alimentos con motivo do desenvolvemento da primeira fase do programa de axuda alimentaria do Goberno

Emilio González visita o almacén do Banco de Alimentos con motivo do desenvolvemento da primeira fase do programa de axuda alimentaria do Goberno

24/06/2021

O subdelegado do Goberno informou de que o primeiro reparto do Programa de axuda alimentaria 2021 chegará a 10.021 ourensáns que recibirán 184.488 quilos de alimentos.

Emilio González destacou o labor do Banco de Alimentos e da Cruz Vermella que se encargan da distribución dos alimentos a 120 organizacións asociadas de reparto.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, visitou esta mañá o centro de almacenamento e distribución do Banco de Alimentos de Ourense para supervisar o desenvolvemento da primeira fase do Programa 2021 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas. Na visita estivo acompañado polo tesoureiro do Banco de Alimentos, Juan Carlos del Canto, pola coordinadora do proxecto, Natalia González, e pola responsable da unidade de Administración Territorial da Subdelegación do Goberno, Mercedes Lage.

Emilio González informou de que nesta primeira fase do Programa de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas, posto en marcha polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), farase chegar axuda alimentaria a 10.021 ourensáns aos que se distribuirán un total de 184.488 quilos de alimentos cun valor de 122.248 euros.

Esta é a primeira das dúas remesas que repartirá o programa nesta anualidade a través dos centros de almacenamento e distribución do Banco de Alimentos e da Cruz Vermella en Ourense. Estas dúas entidades contan coa colaboración de 120 organizacións asociadas de reparto na provincia, que son as encargadas de facer chegar directamente as cestas de alimentos esenciais a aquelas persoas en situación de vulnerabilidade.

O subdelegado do Goberno quixo agradecer “ao Banco de Alimentos e á Cruz Vermella o seu papel e a súa achega como centros de almacenamento e distribución, fundamentais para este programa”, así como “a axuda inestimable das organizacións de reparto que colaboran co Goberno na provincia”. Emilio González subliñou “o esforzo de todas estas organizacións e dos seus voluntarios e voluntarias, porque xuntos chegamos a quen máis nos precisa”.

Os produtos que se distribúen son de carácter básico, variados, nutritivos, pouco perecedoiros e de fácil transporte e almacenamento. A cesta de alimentos enviada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inclúe: arroz, fabas cocidas, leite enteiro UHT, atún en conserva, pasta alimenticia, tomate frito, galletas, macedonia de verduras, cacao soluble e tarriños infantís de froita e de polo.

O subdelegado do Goberno fixo fincapé na relevancia deste programa, “que contribúe a paliar a situación das persoas más desfavorecidas da provincia nun momento no que a poboación máis vulnerable está a sufrir especialmente debido ás consecuencias da crise motivada pola COVID-19”.

PROGRAMA 2021 DE AXUDA ALIMENTARIA ÁS PERSOAS MÁIS DESFAVORECIDAS

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), puxo en marcha este mes o  Programa 2021 de axuda alimentaria ás persoas máis desfavorecidas, no que se repartirán, de forma gratuíta, 59.225.632 quilos de alimentos en toda España.

Este programa desenvólvese en dúas fases ao longo do ano 2021. Na primeira fase, que xa está en marcha, distribuiranse 23,69 millóns de quilos de alimentos, o que supón aproximadamente o 40 por cento das cantidades totais a distribuír.

Para levar a cabo o Programa 2021 adquiríronse alimentos a través dun proceso de licitación pública por máis de 42 millóns de euros. A campaña está cofinanciada nun 85% polo Fondo de Axuda Europea para as Persoas máis Desfavorecidas (FEAD) e nun 15% polo orzamento nacional.