José Miñones destaca o impulso estatal ao proceso de humanización da estrada nacional en Milladoiro

José Miñones destaca o impulso estatal ao proceso de humanización da estrada nacional en Milladoiro

25/06/2021

O delegado do Goberno subliña que a finais de verán estará rematado o estudo de reordenación da glorieta que permita o desvío directo do tráfico desde Santiago ao parque empresarial Novo Milladoiro

José Miñones informou da incorporación de catro novos axentes ao cuartel da Garda Civil para cubrir as necesidades de persoal existentes

Tamén informou sobre o proxecto de Correos para que os carteiros rurais desenvolvan servizos a domicilio


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o alcalde de Ames, Blas García, mantiveron na xornada de hoxe un encontro institucional e de traballo enmarcado no compromiso co municipalismo adquirido dende a Delegación do Goberno en Galicia. José Miñones e Blas García cualificaron a visita como moi positiva e que serviu para abordar as principais demandas do concello e trasladar as accións do Goberno de España.

Durante a xuntanza de traballo, á que tamén asistiu o xefe da Demarcación de Estradas en Galicia, Ángel González del Río, o delegado do Goberno sinalou que o proxecto de humanización da estrada nacional 550 no Milladoiro, de especial importancia para o Concello de Ames, avanza co total respaldo do Goberno, unha vez que xa completou a primeira das catro fases deste proceso e que consistiu no desvío de tráfico pesado.

Así mesmo, José Miñones informou de que se está a traballar no estudo da reordenación da glorieta que permitirá o desvío directo dende Santiago ata o parque empresarial Novo Milladoiro, o que supón a segunda fase deste proxecto cun investimento aproximado de 400.000 euros. O estudo estará rematado despois do verán e espérase poder executar esta actuación ao longo do ano 2022.

Outro dos asuntos que o delegado do Goberno explicou foi o proxecto de Correos co que os carteiros rurais ofrecerán servizos a domicilio. Este proxecto inclúe o pago de recibos, a compra de distintivos ambientais da Dirección Xeral de Tráfico, a venta de selos, sobres e embalaxes de paquetes e outras xestións que buscan facilitar a vida das persoas que residen no entorno rural.

Neste sentido, o alcalde de Ames trasladoulle ao delegado do Goberno a necesidade de contar coa apertura en horario de tarde da oficina de Correos de Milladoiro. José Miñones transmitiulle as xestións realizadas que permitirán artellar a solución para cubrir esta demanda da veciñanza, “sobre todo agora que se está a potenciar a entidade de Correos como unha ventanilla de servizos para a cidadanía”.

O delegado do Goberno tamén informou da incorporación de catro novos axentes ao cuartel da Garda Civil que “permitirán cubrir as necesidades de persoal existentes, co que poderemos ter máis quendas e coordinación coa Policía Local do concello”.

Por último, José Miñones animou ao alcalde de Ames a participar na xornada de traballo que se celebrará proximamente na Delegación do Goberno en Galicia sobre Axenda Urbana na que se darán a coñecer aos concellos as liñas de actuación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Executivo