José Miñones avanza que Tráfico realizará 120.000 controis de alcolemia e 680.000 de velocidade nas estradas galegas este verán para revertir o aumento da sinistralidade viaria

29/06/2021

O delegado apela á mobilidade responsable ante o comezo dunha campaña de tráfico de verán na que a DGT prevé 8,6 millóns de desprazamentos no noroeste, unha cifra similar á de antes da pandemia

Apunta que este dispositivo incorpora un dron con capacidade sancionadora, que se suma aos 270 radares distribuídos por todo o territorio e o 1 helicóptero

O novo dron actuará nas catro provincias, con especial interese en estradas convencionais ou de relevancia polo tráfico, e pode sancionar certos comportamentos ou manobras de condución temeraria como adiantamentos ou uso do móvil

José Miñones coñece o Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste xunto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, alertou hoxe que este verán haberá “tolerancia cero” cos infractores nas estradas galegas e apelou a unha mobilidade responsable para reverter a tendencia ascendente da sinistralidade viaria en Galicia. Para iso, o Sector de Tráfico da Garda Civil realizará 120.000 controis de alcolemia e controlará a velocidade de 680.000 vehículos durante os meses de xullo e agosto para garantir a seguridade dos usuarios das estradas e disuadir aos posibles infractores.

Estas previsións forman parte da Campaña Especial de Tráfico para este verán en Galicia, que presentou esta mañá o delegado do Goberno. José Miñones explicou que as previsións de mobilidade para estes meses no noroeste son similares ás cifras do ano previo á pandemia con 8,6 millóns de desprazamentos entre xullo e agosto, e alertou sobre o relaxamento das condutas, que está detrás de gran parte dos accidentes nas estradas.

Tras incidir en que “non podemos permitirnos volver atrás”, o delegado do Goberno lamentou o aumento da sinistralidade viaria en Galicia, en paralelo á recuperación da mobilidade nas estradas. “Dende o pasado 1 de xaneiro faleceron nas estradas galegas 41 persoas en 27 accidentes mortais, cifras significativamente máis altas que as rexistradas en 2020”, apuntou.

Co obxectivo de reducir esta tendencia, a Dirección Xeral de Tráfico comezará este venres a Campaña de Verán coa primeira Operación Saída, na que prevé 396.000 desprazamentos no noroeste.

José Miñones informou que durante os dous meses estarán operativos  600 axentes da Garda Civil, que contarán co apoio das unidades territoriais en cada Concello, así como 270 radares distribuídos por todo o territorio, un helicóptero e un dron con capacidade sancionadora: “A gran novidade desta campaña de tráfico”, explicou. Ademais, estarán operativas 329 cámaras para controlar o tráfico e 523 paneis de mensaxe variable, entre outros medios.

NOVO DRON CON CAPACIDADE SANCIONADORA

O Delegado do Goberno explicou que o novo dron percorrerá as catro provincias galegas, con especial interese nas estradas convencionais, de maior afluencia de tráfico, con máis accidentalidade e con zonas turísticas e no horario que se considere de maior relevancia polo tráfico.

Este dispositivo pode sancionar certos comportamentos e manobras de condución temeraria como adiantamentos, saltar restricións como stops ou liñas continuas, non uso cinto, uso móbil ou distraccións, entre outras.

O delegado do Goberno realizou a presentación durante unha visita ás instalacións no Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, na Coruña, xunto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; a xefa provincial de Tráfico, Victoria Gómez; o comandante do Sector de Tráfico, Leovigildo Villares e o director do Centro de Xestión, Ramiro Martínez.