José Miñones anima ás empresas galegas a aproveitar o novo Fondo de Apoio á Inversión Produtiva que suma 600 millóns de euros de achegas en xullo

José Miñones anima ás empresas galegas a aproveitar o novo Fondo de Apoio á Inversión Produtiva que suma 600 millóns de euros de achegas en xullo

30/06/2021

O Fondo do Ministerio de Industria está enfocado a financiar a creación ou traslado de factorías, as melloras das liñas de produción, a industria conectada 4.0 e a sustentabilidade ambiental

José Miñones agarda que a recuperación económica chegue “con máis emprego, de máis calidade, máis moderno e máis verde”

O delegado do Goberno lembra a relevancia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, do que poden beneficiarse as empresas galegas

Os principais obxectivos do Goberno pasan por unha recuperación verde, dixital, inclusiva e social


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou hoxe ás empresas galegas a aproveitar o novo Fondo de Apoio á Inversión Productiva, que suma 600 millóns de euros de achegas en xullo. Expresouse así na súa intervención como invitado nunha xuntanza da xunta directiva da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME).

José Miñones salientou que “a industria é unha prioridade para este Goberno” e agradeceu, nese senso, o traballo da entidade presidida por Justo Sierra, de Urovesa. A asociación representa cerca do 40% do emprego industrial de Galicia e o 20% do PIB, con máis de 57.000 empregos.

“Sodes empresas activas, comprometidas e que buscan solucións. O Goberno quixo, quere e quererá estar ao voso lado, porque estar co metal e as tecnoloxías asociadas é estar co emprego e coa actividade industrial”, destacou antes de refrendar a “aposta decidida” de Pedro Sánchez polo tecido industrial, en especial nun momento de saída da crise co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

De feito, o Goberno conta con dous plans estratéxicos vinculados á industria: un relacionado co sector turístico e outro de apoio integral ao sector da automoción, dotado con 2.600 millóns de euros e cun impacto previsto de 10.000 millóns de euros. “Debemos recuperarnos con máis emprego, de máis calidade, máis moderno e máis verde”, destacou José Miñones.

Como novidade, o delegado do Goberno presentou ás empresas de ASIME o novo Fondo de Apoio á Inversión Industrial Produtiva. “Este mes de xullo, o Ministerio de Industria terá en marcha este novo programa, dotado con 600 millóns de euros. Podedes conseguir ata o 75% da inversión dos vosos proxectos. O obxectivo é financiar empresas xa existentes que desenvolvan ou vaian desenvolver unha actividade industrial produtiva e de servizos industriais, sen importar o seu tamaño”, explicou.

Co novo programa é posible financiar a creación de establecementos industriais, o traslado de factorías, as melloras ou modificacións das liñas de produción e proceso, a industria conectada 4.0 e a sustentabilidade ambiental. Substitúe ao antigo Reindus, que nos últimos dous anos aportou 20 millóns de euros para 13 proxectos galegos.

O delegado do Goberno animou ás empresas a aproveitar esta liña de achegas como tamén lembrou que continúa aberta a liña de avais do Instituto de Crédito Oficial pola COVID-19. “Xa hai 37.320 empresas en Galicia que lograron financiamento por 5.782,6 millóns de euros”, engadiu.

A meta do Executivo é unha “recuperación verde, dixital, inclusiva e social”. Para iso conta con tres eixes para as próximas achegas ligadas a fondos europeos: simplificación administrativa, gobernanza dos fondos para un reparto xusto e colaboración público-privada. Ten, ademais, unha política panca dentro do plan vinculada á Modernización e Dixitalización do Tecido Industrial e da Peme e do Impulso a unha España Nación Emprendedora, con 2.800 millóns de euros de dotación.