Emilio González chama á prudencia dos condutores para reducir a accidentalidade na provincia de Ourense

Emilio González chama á prudencia dos condutores para reducir a accidentalidade na provincia de Ourense

05/07/2021

Entre os meses de xaneiro e xuño de 2021 faleceron nas estradas da provincia cinco persoas.

No primeiro semestre rexistráronse 1.159 sinistros, dos cales 678 producíronse pola presenza de animais nas vías públicas.

O Subsector de Tráfico da Garda Civil realizou na provincia entre xaneiro e xuño un total de 32.973 test de alcoholemia e 440 probas de drogas.

Tanto nos primeiros seis meses de 2021 como nos anos 2020 e 2019 nas estradas da provincia non se detectou ningún punto negro.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá a reunión da Comisión Provincial de Tráfico e Seguridade Vial que se celebrou na Subdelegación do Goberno e na que se analizaron os datos sobre estas materias na provincia de Ourense no primeiro semestre de 2021.

Durante a xuntanza, o xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David LLorente, presentou o informe da accidentalidade dos seis primeiros meses deste ano. Así, indicou que se rexistraron 1.159 sinistros, dos cales 678 producíronse pola presenza de animais nas vías públicas.

Entre os meses de xaneiro e xuño de 2021 faleceron nas estradas da provincia cinco persoas, das cales catro eran condutores e un motorista. En relación aos feridos, rexistráronse 17 feridos graves e 159 leves.

Na reunión, sinalouse que no primeiro semestre de 2021 tramitáronse 12.323 denuncias coa retirada efectiva de 11.186 puntos, cifra superior ao mesmo semestre de 2020, pero inferior en 1.685 puntos con respecto aos seis primeiros meses de 2019.

O xefe provincial da DXT tamén informou de que tanto nos primeiros meses deste ano como nos anos 2020 e 2019 nas estradas da provincia non se detectou ningún punto negro. 

A nivel provincial o subdelegado do Goberno sinalou que “o Subsector de Tráfico da Garda Civil realizou no primeiro semestre do ano un total de 32.973 test de alcoholemia, dos cales o 1,22% foron positivos”. Con respecto ás probas de drogas, “entre xaneiro e xuño realizáronse 440 test que deixaron unha taxa de positivos do 52,72%”.

O subdelegado do Goberno advertiu que este verán haberá “tolerancia cero”coas persoas que poñen vidas en risco nas estradas galegas. Así mesmo, Emilio González fixo un chamamento para “extremar as precaucións agora que estamos a recuperar a mobilidade e non engadir riscos innecesarios como o alcol ou as drogas. A única taxa válida ao volante é a de 0,0”.

Neste sentido, González Afonso sinalou o traballo do Goberno centrado na prevención e con medidas como a implantación de medidas para reducir o límite de velocidade en gran parte das vías convencionais a 90 quilómetros por hora, para adaptalo ao resto de Europa, e a implantación da Cidade 30, para mellorar a situación en vías urbanas. Así mesmo, está pendente de aprobación a reforma do permiso por puntos.

Por último, no encontro tamén se informou das actividades levadas a cabo en centros educativos, das campañas anuais de vixilancia e intervencións do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, así como dos proxectos de conservación das diferentes estradas da provincia.

“Esta Comisión ten como obxectivo a mellora da seguridade vial e salvar vidas, por iso insistimos en que é necesaria a concienciación de todos os condutores para que teñan prudencia e poder evitar a traxedia nas nosas estradas”, indicou González Afonso.

Na Comisión Provincial de Tráfico e Seguridade Vial, presidida polo subdelegado do Goberno, participaron o xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente; o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Indalecio Linares; o xefe accidental do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Juan Carlos Nogueiras; o concelleiro de Seguridade do Concello de Ourense, Telmo Ucha; a intendente xefa da Policía Local de Ourense, María Barrera; así como representantes da Unidade de Estradas do Estado,da Delegación Territorial da Xunta de Galicia, da FEGAMP, da Deputación Provincial de Ourense e da Axencia Galega de Infraestruturas.