Isabel Rodríguez advirte do repunte de accidentes de tráfico ao aumentar a mobilidade e pide prudencia aos condutores

Imagen comisión provincial de tráfico

07/07/2021

A subdelegada presidiu a Comisión provincial de Tráfico e Seguridade Viaria e lembra que no mes de xuño faleceron 4 das 6 persoas que perderon a vida este ano en accidente de circulación

O ano pasado perderon a vida nas estradas da provincia 12 persoas, a gran maioría en traxectos curtos, e a sinistralidade baixou debido ás restricións de mobilidade

Velocidade excesiva, distraccións, cansazo e consumo de alcol son os principais riscos ao volante


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe do repunte dos sinistros de tráfico na provincia nos últimos meses como consecuencia do incremento da mobilidade nas estradas e fixo un chamamento á prudencia dos condutores, especialmente nestas datas  nas que aumentan os desprazamentos debido ás vacacións de verán.  Isabel Rodríguez presidiu esta mañá a reunión da Comisión provincial de Tráfico e Seguridade Viaria, que tivo lugar na Subdelegación do Goberno coa participación do xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, e dos responsables do Subsector de Tráfico da Garda Civil e a Policía Local de Lugo, así como dos servizos de Estradas do Estado, da Xunta e da Deputación provincial.

 

Isabel Rodríguez mostrou a súa preocupación polo aumento das vítimas e os sinistros graves na provincia e lembrou que 4 persoas perderon a vida nas estradas da provincia no mes de xuño, que non resultaba tan tráxico nas estradas da provincia desde 2018. Esta cifra supón o dobre das vítimas mortais rexistradas no resto do primeiro semestre de 2021. En total, no que levamos de ano faleceron 6 persoas en accidente de circulación.

 

A subdelegada do Goberno chamou a atención sobre o feito de que o factor humano aparece como principal elemento de risco na maioría dos accidentes rexistrados na provincia, nos que aparecen como principais factores concorrentes a velocidade excesiva, a condución distraída e o cansazo. En canto ao consumo de alcol, aínda que aumentou a concienciación nos últimos anos, Rodríguez insistiu en que este é un factor que eleva exponencialmente o risco para quen conduce baixo os efectos de este tipo de sustancias.  

 

A subdelegada tamén informou de que a Comisión de Tráfico e Seguridade Viaria constatou que en Lugo, igual que na maioría das provincias, o ano pasado diminuíron as vítimas do tráfico, un dato sen dúbida motivado polas restricións á mobilidade por mor do estado de alarma pola crise sanitaria da COVID-19.

 

O xefe provincial de Tráfico detallou que en 2020 faleceron na provincia 12 persoas debido a accidentes de tráfico, 5 menos que un ano antes, cando perderan a vida 17 persoas. A diminución da mobilidade na provincia de Lugo en 2020 foi do 18,8%.

 

Balance de accidentalidade anos 2019-2020 en vías interurbanas

 

  2019 2020
Accidentes con vítimas 320 276
Accidentes mortais 16 11
Falecidos 17 12
Feridos hospitalizados 49 47

 

En canto á tipoloxía dos accidentes que causaron as 12 vítimas mortais, 5 dos falecidos rexistráronse en accidentes producidos por saídas de vía, 3 en colisións frontais, 2 foron por atropelos a peóns, 1 ao envorcar e 1 por colisión traseira e múltiple. Respecto dos accidentes con vítimas, 141 (51%) foron saídas de vía.

 

Por tipo de vía, na provincia de Lugo 1 persoa perdeu a vida nun accidente rexistrado en autovía e 11 en outro tipo de estradas.

 

E a gran maioría perderon a vida en traxectos inferiores a 50 km do seu domicilio. Concretamente,  o 33% a menos de 5 km, o 17% a distancias de 20-30 km e o 25% a distancias de 30-50 km da súa casa.

 

Por sexo, as estatísticas da Xefatura provincial de Tráfico reflicten tamén que dos 12 falecidos 9 eran homes (75%) e 3 mulleres (25%).

 

E por grupos de idade, 3 (25%) tiñan de 45 a 54 anos e outros 3 (25%) 75 ou máis anos.

 

Tocante á evolución mensual dos accidentes de tráfico en vías interurbanas, o mes de agosto foi no que se rexistraron máis accidentes con vítimas, con 34 sinistros, nos que non houbo ningún falecido, pero 6 persoas sufriron feridas que precisaron hospitalización. Outubro foi o mes no que perderon a vida máis persoas en accidentes, con 4 vítimas mortais.

 

Os días da semana nos que se produciron máis accidentes con vítimas foron os sábados, con un total de 54, seguidos dos martes, con 43.

 

E os treitos horarios nos que se computaron máis accidentes con vítimas foron de 09:00 a 09:59 e de 20:00 a 20:59, con 21, en cada un deles. E de 16:00 a 16:59, con 20.