José Miñones subliña en Betanzos a aposta do Goberno pola rehabilitación de vivendas e a rexeneración urbana ás que destinará 1.000 M de euros do Plan de Recuperación

08/07/2021


O delegado do Goberno visita rehabilitacións financiadas con cargo ao Plan Estatal de Vivenda na Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico betanceiro, para que o Executivo destinou 234.000 euros

O Ministerio para a Transición Ecolóxica financia a renovación de todo o alumeado municipal con 1,8 millóns de euros

José Miñones aborda coa alcaldesa de Betanzos a cesión da antiga N-6 no tramo urbano


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, subliñou hoxe en Betanzos a aposta do Executivo pola rehabilitación do parque de vivendas e a rexeneración urbana, para as que destinará 1.000 millóns de euros –dentro dunha partida global de 6.280 millóns– do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Expresouse así ante os medios de comunicación tras reunirse coa alcaldesa, María Barral, e acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

O delegado visitou a Área de Rehabilitación Integral do Casco Histórico de Betanzos, onde puxo en valor as achegas de 234.000 euros concedidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para actuacións de reforma e acondicionamento de vivendas neste espazo. Corresponden ás dúas partidas do Plan Estatal de Vivenda 2018-2020, que se traduciron en dúas convocatorias de axudas xestionadas pola Administración Local.
O delegado explicou que os fondos europeos son unha oportunidade única para concellos como Betanzos e ademáis serán un dinamizador da economía local, pola carga de traballo que xerará para as empresas de construcción.

Reunión de traballo
Delegado, subdelegada e alcaldesa mantiveron unha reunión de traballo onde repasaron os investimentos do Goberno no municipio e outros asuntos de interese común.

O delegado destacou que o Ministerio para a Transición Ecoloxica, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE), está a financiar a renovación  do alumeado público do Concello a través de tres proxectos que reciben unha achega de 1,8 millóns de euros, “dos cales o último foi aprobado este pasado mes de marzo”, explicou.

Tamén abordaron a situación da antiga N-VI no tramo urbano e a súa posible cesión ao Concello. O delegado apuntou que a remodelación desta vía podería incorporarse á Axenda Urbana do Ministerio de Transportes “para adecuala aos novos usos e a unha mobilidade máis sostible”, apuntou o delegado.

Por último, analizaron a posibilidade de que o Goberno participe da renovación do Parque do Pasatempo, “un parque que simboliza a riqueza patrimonial de Betanzos e que merece maior atención”, insistiu o delegado. Neste sentido, avaliaron a posibilidade de que esta participación se incluise no programa de rehabilitación de zonas BIC do Camiño de Santiago ou nos programas do Ministerio para rehabilitar o patrimonio arquitectónico histórico, como os programas de 1,5% cultural e o programa de arquitectura.