A Comisión Provincial de Seguridade fai un balance da siniestrabilidade viaria da provincia dos últimos dous anos

08/07/2021

No 2020 e a pesar das restricións á mobilidade derivadas da crise sanitaria, o número de falecidos nas estradas da provincia incrementouse nun 15 %.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu esta mañá a Comisión Provincial de Seguridade Viaria para analizar o tráfico e a seguridade de circulación viaria na nosa provincia. Na xuntanza, o órgano avaliou os resultados dos últimos dous exercicios, ao non poder reunirse no ano 2019 debido á crise sanitaria.

A subdelegada destacou que os datos analizados, a pesar das restricións á mobilidade vixentes durante boa parte do pasado ano, “non arroxan resultados moi positivos. De feito, a comparativa anual entre 2020 e 2019 evidencia que o número de accidentes reduciuse na provincia un 21 %, non obstante, o número de falecidos viuse incrementado nun 15 %”.

Neste sentido, Larriba informou de que o índice de letalidade da provincia —que se fixa tendo en conta o número de falecidos por cada cen vítimas— situouse no 1,72 % o ano pasado, “unha porcentaxe que non se rexistraba na provincia desde o ano 2012”.  Mentres, o parque automobilístico apenas creceu nun 1 % entre 2019 a 2020.

“Seguen sendo as vías interurbanas, concretamente as estradas convencionais, as que concentran o 65 %  das vítimas mortais, fronte ao 35 % que se rexistran nas vías urbanas”, explicou Larriba, que avanzou tamén que “se analizamos os datos do presente ano, afectado tamén por restricións á mobilidade e peches perimetrais, as cifras tampouco son nada esperanzadoras, xa que as estradas da provincia rexistran un balance mortal de 15 falecidos en vías interurbanas e 4 en vías urbanas durante os primeiros seis meses do ano”. Do total de vítimas mortais, 13 eran condutores, 4 pasaxeiros e 2 peóns.

Segundo os datos do último informe da Dirección Xeral de Tráfico, entre os factores concorrentes en accidentes con vítimas mortais na nosa provincia destacan ás distraccións ao volante —presentes nun 25,7  % dos falecementos— e o exceso de velocidade —causa dun 26,2% dos accidentes mortais—. A escasa distancia de seguridade (13 %), o incumprimento da prioridade (16,7 %), o sono (9%), a alcoholemia (6,8%) e outras infraccións (10,5 %) son tamén factores con presenza recorrente nos accidentes con falecementos que se produciron nas pontevedresas  durante o ano pasado.

Así mesmo, Larriba quixo destacar a incidencia que aínda ten a falta de uso do cinto de seguridade entre os falecidos en vehículos onde é obrigatorio o seu uso, “xa que un 23 % dos ocupantes de turismos e furgonetas que perderon a vida nas nosas estradas durante o ano pasado non facían uso deste elemento fundamental”.

Neste sentido, a subdelegada destacou tamén que 3 das 10 vítimas mortais usuarias de motocicletas non levaban casco de protección. Non obstante, das 41 vítimas hospitalizadas so 1 non levaba casco, “o que evidencia a relevancia dos accesorios de seguridade”.

Para Larriba é moi importante “seguir insistindo na necesidade de extremar a atención ao volante e cumprir cos límites de velocidade e restantes normas de tráfico, porque a sangría de vidas segue en niveis inaceptables”.

Asistiron á reunión a xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o deputado provincial de infraestruturas e vías provinciais, Gregorio Luis Agís; o xefe accidental do subsector de tráfico da Garda Civil, Fernando José Tato; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal;  o xefe provincial da Demarcación de Carreteiras do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, Pablo Domínguez; o enxeñeiro da Axencia Galega de Infraestructuras, Alfonso Tenorio; mandos das policías locais de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, así como representantes das empresas concesionarias da AP-9 e AP-53.