Isabel Rodríguez e Faustino Sánchez participan nunha reunión que ultimou detalles dos desvíos de tráfico na A-6

Imagen reunión desvíos A-6

12/07/2021

A subdelegada do Goberno e o seu homólogo de León reúnense cos alcaldes de Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce, así como con responsables de Estradas, DXT e Garda Civil de Tráfico das dúas provincias

Desde esta tarde, o tráfico da A-6 en dirección a Coruña desviarase pola N-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o seu homólogo da provincia de León, Faustino Sánchez, participaron hoxe, en Pedrafita do Cebreiro, nunha xuntanza na que se ultimaron os preparativos dos desvíos de tráfico na A-6 que é preciso poñer en marcha debido ás obras de reparación do viaduto de El Castro. A reunión tivo lugar esta mañá e, ademais dos dous subdelegados do Goberno participaron nela os alcaldes de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; e de Vega de Valcarce, María Luisa González, así como os  responsables de Estradas do Estado, da Dirección Xeral de Tráfico e da Garda Civil de Tráfico das dúas provincias.

 

Isabel Rodríguez explicou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que xa efectuou na A-6 os traballos de rehabilitación nos viadutos de Ruitelán e As Lamas, nos que investiu 7,3 millóns de euros, avanza agora nos traballos de conservación e reparación de El Castro, nos que xa se realizaron os labores de inspección.

 

A subdelegada informou de que o comezo das obras de conservación obrigan a desviar o tráfico pola N-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro. Esta medida, que está prevista a partir das 16 horas de hoxe, afectará só á circulación entre os ppkk 428 e 432 da A-6 en sentido A Coruña. O tráfico en dirección Madrid poderá continuar circulando pola A-6, con un único carril operativo e unha restrición para os vehículos de masa superior a 44 toneladas.

 

Rodríguez pediu disculpas polas molestias que se poidan causar aos condutores e aos veciños, ao tempo que lembrou que esta medida é imprescindible para poder executar unhas obras que teñen por obxecto garantir a seguridade do tráfico.

 

O tránsito de peregrinos manterase a través do Camiño Francés por Herrerías ata O Cebreiro. Por razóns de seguridade, debido ao desvío do tráfico de vehículos entre os ppkk 429 e 432 da N-6 estará prohibido o paso de peóns e ciclistas.