José Miñones reivindica a solidariedade e o traballo “cóbado con cóbado” da cidadanía galega no camiño cara a fin da pandemia

José Miñones reivindica a solidariedade e o traballo “cóbado con cóbado” da cidadanía galega no camiño cara a fin da pandemia

13/07/2021

O delegado do Goberno preside a imposición de condecoracións ao Mérito Civil a dous policías da Xefatura Superior de Galicia e recoñece o traballo dos condecorados como un exemplo a imitar polo conxunto da sociedade

Extende o recoñecemento a Iván Patiño e Diego García ao resto dos membros da Policía Nacional en Galicia

Ao acto asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o xefe superior de Policía, José Luis Balseiro, e o xeneral da 15 Zona da Garda Civil, Luis Francisco Rodríguez


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou hoxe a solidariedade e o “traballo cóbado con cóbado” da sociedade galega no camiño cara a erradicación da COVID-19 e a fin da pandemia: “O que nos amosou a COVID-19 é que a vitoria precisa da unión de tódalas forzas, do compromiso persoal e público e do convencemento de traballar cóbado con cóbado para lograr a erradicación desta enfermidade”. Así o fixo no acto de imposición das condecoracións da Orde ao Mérito Civil que recibiron dous policías pertencentes á Xefatura Superior de Policía de Galicia.

O acto contou coa asistencia da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o xefe superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro, e o xeneral da 15 Zona da Garda Civil, Luis Francisco Rodríguez, e, nel, o delegado insistiu en que o camiño que se está a facer culminará nunha “sociedade máis unida e fortalecida”.

Na súa intervención, José Miñones recoñeceu aos “homes e mulleres de Galicia que viven e traballan convencidos de que as súas accións repercuten no ben común” e na saída da pandemia. E, en concreto “a moitos e moitas policías que trasladan a tódolos aspectos da súa vida o compromiso cos demais que prometeron na toma de posesión”, exemplificados nos dous axentes condecorados.

  • Coa Cruz da Orde ao Mérito Civil, Iván Patiño Pedreira, policía nacional adscrito á Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría Provincial da Coruña. Na fase máis grave da pandemia, deseñou e fabricou pola súa conta e medios, unha serie de pantallas protectoras que obsequiou a diferentes Corpos de Seguridade, Institucións e Entidades co fin de que os seus integrantes se puidesen protexer fronte ao virus.
  • Coa Cruz de Oficial da Orde ao Mérito Civil, Diego García Castro, quen dende o seu actual posto na Unidade de Coordinación Territorial da Xefatura Superior de Policía de Galicia, contribúe ao exercicio das actuacións deste corpo policial e da súa coordinación co resto de corpos nun momento tan  sensible como  o actual

A Orde ao Mérito Civil foi instaurada en 1926 co obxectivo de premiar aqueles servizos extraordinarios de persoas ao ben da nación ou virtudes excelentes de empregados públicos. Actualmente a concesión das mesmas depende do Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación.

Audio do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones. (MP32,26 MB)