Isabel Rodríguez lembra os riscos do exceso de velocidade na presentación dunha campaña da DXT que conta coa colaboración de ASPAYM

13/07/2021

Persoas con lesión medular causada por accidentes de tráfico advirten aos condutores dos riscos de conducir de xeito imprudente

Lugo foi a provincia elixida para desenvolver a campaña “Non corras, non bebas...non cambies de rodas”, que se presentou en Guitiriz


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe do risco que supón o exceso de velocidade, pois representa unha das principais causas dos accidentes de tráfico que se rexistran na provincia , que ademais ten cada vez máis importancia nos accidentes mortais e graves durante o último ano.

 

Isabel Rodríguez insistiu neste aviso aos condutores na presentación dunha campaña de control e vixilancia da velocidade que leva a cabo a Dirección Xeral de Tráfico e na que colaboran voluntarios de ASPAYM,  Asociación de persoas con lesión medular e outras discapacidades físicas). Na presentación da campaña, que tivo lugar esta mañá na N-6, ao seu paso polo concello de Guitiriz, a subdelegada estivo acompañada pola alcaldesa, Marisol Morandeira; o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, José Miguel Martínez, e polo presidente e vicepresidente de ASPAYM-Galicia, Francisco Javier Vieites e Manuel Varela.

 

Durante o ano 2020, a velocidade excesiva ou inadecuada foi a primeira causa de accidentalidade mortal na provincia, xa que estivo presente en 4 dos 11 sinistros deste tipo que se rexistraron nas estradas de Lugo (o 36%), seguida das distraccións, que interviñeron en 3 accidentes (o 27%). No que levamos de 2021, causou 3 dos 6 sinistros mortais na estrada (o 50%).

 

O exceso de velocidade tamén foi o motivo de 8 accidentes con feridos hospitalizados dos 38 que se produciron na estrada durante 2020 (o 21%), así como de 3 dos 10 sinistros deste tipo rexistrados no que vai de 2021 (30%).

 

Son cifras superiores ás de 2019, cando a velocidade estivo detrás de 3 dos 15 accidentes mortais na estrada (20%, case na media nacional do 23%), e de 7 dos 42 accidentes con feridos hospitalizados (o 17%).

 

A velocidade excesiva ou inadecuada tamén representa unha das principais causas de mortalidade en zona urbana: A partir de 80km/ h é practicamente imposible que un peón se salve nun atropelo. Se a velocidade do vehículo que impacta é de 30 km/ h o risco de morte do peón é dun 10%; se é a 50 km/ h, ese risco de falecemento elévase ao 90%.

 

A subdelegada, que insistiu na súa preocupación polo aumento na cifra de accidentes graves desde a recuperación da mobilidade nas estradas da provincia, agradeceu a implicación de ASPAYM na campaña, a través da cal persoas con lesión medular axudan a concienciar aos condutores facéndolles ver as consecuencias que poden ter o exceso de velocidade e os accidentes de tráfico.

 

Para iso, a campaña, que se desenvolve desde fai 15 anos co lema “Non corras,non bebas...non cambies de rodas”, conta coa participación de persoas voluntarias con lesión medular vítimas de un accidente de tráfico, que acompañan aos axentes da Garda Civil de Tráfico encargados da realización dos controis de velocidade.

 

Lugo é a única provincia galega na que se desenvolve este ano a campaña, que tamén se realiza en Asturias, Baleares, Cádiz, Burgos, León, Palencia Valladolid, Córdoba, Cuenca, Granada, Xaén, Madrid, Málaga, Murcia, Toledo, Sevilla e Valencia.