Maica Larriba reafirma a total colaboración do Goberno para manter os actuais postos de traballo

27/07/2021

A subdelegada do Goberno recibiu hoxe ao comité de empresa de ENCE nas dependencias da Subdelegación.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo esta mañá un encontro co comité de empresa de ENCE, logo da petición dos sindicatos realizada a semana pasada.

Nesta reunión cordial, a primeira que o comité solicitou á subdelegada, Larriba trasladoulles novamente, como xa realizara o delegado do Goberno e a propia ministra de Transición Ecolóxica, que “o Goberno de España está disposto a apoiar o mantemento dos postos de traballo da planta de ENCE en Pontevedra”.

A subdelegada transmitiulles tamén “que as sentenzas xudiciais están para cumprilas e acatalas como non pode ser doutra maneira”. Así mesmo, explicou que  “neste momento a última palabra teráa o Tribunal Supremo, se finalmente a empresa decide recorrer a sentenza da Audiencia Nacional como así anunciou aos medios de comunicación”.

Igualmente, e ante a petición do comité de reunir a mesa de negociación, Larriba trasladou o compromiso do Secretario de Estado de Medioambiente, Hugo Morán, de convocar unha nova reunión da mesa no mes de setembro. Non obstante, lembrou “que aínda hai escasos días que a empresa remitiu ao Ministerio os estudos sobre a súa localización que se lles solicitaran no encontro do pasado mes de abril”.

A subdelegada indicou, así mesmo, que “un encontro desta mesa sen que a propia empresa e a Xunta de Galicia —que é quen ostenta as competencias en materia de política industrial e de chan— expoñan ningunha alternativa, tras a clarificación que supuxo a sentenza da Audiencia Nacional, parece que non tería moita viabilidade, non obstante o compromiso do secretario de Estado de convocar a mesa o máis axiña posible é firme, incluso para  analizar o posible recurso á sentenza que a empresa xa anunciou que vai presentar”.