Isabel Rodríguez pide a público e pilotos que extremen as medidas sanitarias e de seguridade

28/07/2021

A subdelegada participou na presentación da carreira automobilística, valedoira para o Campionato de España de Montaña, que terá lugar esta fin de semana


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, participou hoxe, xunto con outras autoridades, na presentación da 47 edición da Subida a Chantada, que se celebrará do 30 de xullo ao 1 de agosto. A subdelegada destacou a importancia desta proba, valedoira para o Campionado de España de Montaña, que se retoma logo da suspensión do ano pasado, tanto polos seus valores deportivos como polo “magnífico escaparate que supón para a promoción de Chantada e a Ribeira Sacra”.

 

Isabel Rodríguez destacou a iniciativa e a constancia da Escudería Chantada, que preside Alfonso Viana, e lembrou as especiais circunstancias sanitarias nas que se recupera a carreira, debido á pandemia do coronavirus. Por iso, pediulle a todos os afeccionados e deportistas que extremen as medidas de autoprotección, e que respecten tanto as restricións fixadas polas autoridades sanitarias como as normas de seguridade marcadas pola organización.

 

“É preciso ter en conta que todos temos responsabilidade na nosa saúde e na saúde colectiva e atendendo as medidas de prevención contribuiremos, tamén, ao éxito desta proba deportiva”, indicou.

 

Rodríguez explicou que “desde a Subdelegación do Goberno colaboramos coa organización na seguridade da carreira,  para o que esta fin de semana farán un esforzo especial tanto os axentes da Garda Civil  como os do subsector de Tráfico”.

 

“Confiamos en que, coa axuda de todos e a pesar das dificultades destes tempos que vivimos, a carreira sexa un éxito e que se desenvolva felizmente e que poidamos recordar esta edición non polas restricións sanitarias senón polos éxitos deportivos dos corredores”, concluíu.