Isabel Rodríguez lembra a responsabilidade e o valioso servizo que presta a Garda Civil aos lucenses

29/07/2021

A subdelegada e o coronel xefe da Comandancia dan a benvida aos alumnos da 126 promoción da Academia de Baeza e da 167 promoción do Colexio de Gardas Xóvenes de Valdemoro

23 novos axentes, 6 mulleres e 17 homes, comezan o seu período de prácticas na Comandancia da Garda Civil de Lugo

Destinados a 15 postos da Garda Civil na provincia

Rodríguez eloxia o traballo das forzas e corpos de seguridade que velan polo cumprimento das restricións sanitarias ao tempo que protexen a seguridade dos lucenses


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deulles a benvida hoxe aos novos alumnos da Garda Civil que se incorporan á Comandancia de Lugo para realizar as prácticas coas que completarán a súa formación. A subdelegada estivo acompañada na presentación polo xefe da Comandancia, coronel Miguel Ángel González Arias.

 

Isabel Rodríguez saudou aos gardas en prácticas, que pertencen á 126 promoción da Academia de Abaeza e á 167 promoción do Colexio de Gardas Xóvenes de Valdemoro, nun acto que tivo lugar no patio de armas da Comandancia da Garda Civil. Este ano a provincia recibe 23 gardas en prácticas, 6 mulleres e 17 homes.

 

No acto, Isabel Rodríguez recordou o importante servizo á comunidade que presta a Garda Civil, da que dixo que conta co afecto dos lucenses, e recoñeceu especialmente o labor que leva desenvolvendo desde hai máis de ano e medio, en colaboración co resto de forzas de seguridade, para protexer a saúde dos cidadáns.

 

 

Ademais, a subdelegada animounos a aproveitar ao máximo estas prácticas para completar a súa formación e prepararse para unha profesión,da que dixo que “require tanto vocación como coraxe, xa que algún día seredes vós quen teredes a responsabilidade de velar pola seguridade e a liberdade dos cidadáns”.

 

Tamén lles indicou que, ademais de asegurar o cumprimento da normativa contra o coronavirus a Garda Civil traballa en manter a seguridade cidadá, na protección das vítimas da violencia de xénero, no coidado do medio ambiente e na persecución de novos delitos como as estafas ou acosos a través das novas tecnoloxías e as redes sociais.

 

PRÁCTICAS EN 15 POSTOS DA PROVINCIA

 

Os 23 gardas que realizarán as súas prácticas durante o próximo ano na provincia foron destinados a 15 postos das 4 compañías nas que se organiza a Comandancia da Garda Civil. Concretamente, completarán a súa formación facendo prácticas nos postos da Pastoriza, Becerreá, Burela, Castro de Rei, Chantada, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

 

Case a metade dos gardas de prácticas son naturais da provincia de Lugo, de onde proceden 12; outros 8 son de Asturias, 2 da Coruña e 1 de Badaxoz.