Isabel Rodríguez e Carlos López presiden a xunta local de seguridade da Fonsagrada

08/07/2021

A subdelegada do Goberno informa de que a taxa de criminalidade da Fonsagrada é 9 puntos inferior á media da provincia e está moi por debaixo das taxas de Galicia e España

En 2020 rexistráronse 43 infraccións penais, 1 máis que no ano anterior, e houbo 2 denuncias por violencia de xénero

A eficacia policial aumentou 1,2 puntos e a Garda Civil detivo a 2 persoas


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, presidiron a reunión da xunta local de seguridade, que se celebrou esta mañá na Casa do Concello e na que se analizou a situación da seguridade cidadá neste concello. Na xuntanza tamén tomaron parte mandos da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Local e a Policía Autonómica.

 

Isabel Rodríguez informou de que o concello da Fonsagrada goza de bos niveis de seguridade xa que a súa taxa de criminalidade (12,69‰) é moi inferior á da media da provincia (21,97‰), de Galicia (27,3‰) e de España (37,4‰). Aínda así, a subdelegada do Goberno chamou a atención sobre  o feito de que no ano 2020 a cifra de delitos experimentou un lixeiro incremento neste concello, pois as estatísticas da Garda Civil rexistran 43 infraccións penais, 1 máis que en 2019.

 

Rodríguez destacou tamén o aumento na eficacia policial, que medrou 1,2 puntos, ao pasar de 47,6% ao 48,8%. O aumento na eficacia da Garda Civil tamén tivo o seu reflexo na cifra de persoas detidas. Así, os axentes da Fonsagrada detiveron 2 persoas o ano pasado pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delitos. En 2019 só se practicara 1 detención.   

 

VIOLENCIA DE XÉNERO

 

Isabel Rodríguez analizou tamén a evolución da violencia de xénero no concello da Fonsagrada. En 2020 rexistráronse un total de 2 denuncias por este motivo e no que levamos de 2021 non houbo ningunha. Tampouco se rexistrou ningunha denuncia no ano 2019 nin houbo quebrantamentos desde esa data ata o momento.

 

PLANS DE SEGURIDADE

 

A subdelegada tamén informou da marcha dos plans operativos          que ten en marcha a Secretaría de Estado de Seguridade como son o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2021 e os dirixidos a escolares e persoas maiores.

 

Rodríguez explicou que a crise sanitaria do coronavirus tivo impacto tamén na nestes plans, ao diminuír drasticamente a cifra de peregrinos, ademais de afectar á actividade académica e a colectivos especialmente sensibles como os maiores.

 

Este verán, ante o previsible aumento do número de peregrinos que, no caso da Fonsagrada, se dirixan a Santiago a través do Camiño Primitivo, a Garda Civil ten despregado o Plan de Seguridade Ano Santo Xacobeo 2021.

 

En canto ao Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos, no curso escolar 2019/2020 realizáronse un total de 3 actividades no CEIP Santa María e tiveron que suspenderse 7 que estaban programadas no IES Fontem Albei. No curso 2020/2021 foron 2 as conferencias impartidas no CEIP Santa María, que trataron sobre os riscos da internet e as novas tecnoloxías e o problema da adición aos videoxogos.

 

Respecto do Plan Maior de Seguridade, a subdelegada animou ao Concello a solicitar a celebración dalgunha actividade cando a evolución da pandemia o faga posible.