O subdelegado do Goberno mantén o último encontro de traballo co comisario xefe de Operacións da Policía Nacional de Ourense

09/09/2021

O próximo destino do comisario Eduardo Gutiérrez é a Xefatura da Área de Planificación e Prospectiva na Unidade de Planificación Estratéxica e Coordinación (UPEC) da Dirección Adxunta Operativa (DAO)



O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo un encontro esta mañá co comisario xefe de Operacións da Policía Nacional, Eduardo Gutiérrez, quen neste mes se despide do seu posto na Comisaría Provincial de Ourense para incorporarse na Unidade de Planificación Estratéxica e Coordinación (UPEC) da Dirección Adxunta Operativa (DAO) como xefe da Área de Planificación e Prospectiva.

No encontro, Emilio González felicitou ao comisario Eduardo Gutiérrez polo seu novo destino e destacou o esforzo e o compromiso amosados dende a súa incorporación á Comisaría Provincial o pasado mes de xaneiro.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno aproveitou o encontro para salientar a excelente relación de coordinación e de colaboración coa Policía Nacional e agradecer o enorme traballo que están realizando as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para “protexer a seguridade da cidadanía e velar polo correcto cumprimento das medidas postas en marcha para frear os contaxios pola COVID-19”.

Por último, o subdelegado do Goberno desexoulle ao comisario Eduardo Gutiérrez, natural de Aranda de Duero, os maiores éxitos no seu novo posto, no que terá encomendadas, entre outras, as funcións de integración e elaboración de todas as informacións de carácter estratéxico e as avaliacións de ameazas e riscos, así como o deseño de plans estratéxicos e operativos de carácter corporativo.