Maica Larriba destaca o traballo das entidades sociais que colaboran en Pontevedra na acollida de afganos e afganas para lograr a súa rápida inserción

20/09/2021

A subdelegada explicou que os procesos administrativos relacionados co empadroamento ou cos permisos de residencia das persoas desprazadas están finalizados ou en fase de finalización. A situación das familias está normalizada e o dispositivo de acollemento no marco da Operación Antígona desenvólvese sen contratempos.


A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recibiu hoxe a representantes das dúas organizacións que na provincia de Pontevedra colaboran na acollida de refuxiados e refuxiadas afganas no marco da denominada Operación Antígona posta en marcha polo Ministerio de Inclusión social e Migracións. Trátase da ONG Cruz Vermella e da Asociación Diversidades Acolle. Entre ambos colectivos prestan acompañamento e asistencia a 28 persoas chegadas de Afganistán. Concretamente, Cruz Vermella estase a facer cargo de 15 persoas pertencentes a catro unidades familiares e Diversidades de dúas familias que suman 13 membros. Na reunión tamén participou a comisaria de Pontevedra, Estíbaliz Palma, e axentes da Brigada de Estranxeiría.

 

O encontro serviu para analizar a situación actual dos refuxiados e das refuxiadas nos dous centros de acollida, así como para estudar posibles necesidades a cubrir de cara o futuro co fin de que estas persoas poidan refacer as súas vidas canto antes. Larriba indicou que a situación das familias está normalizada e que toda a operación se desenvolveu sen contratempos e conforme ao previsto. Ao mesmo tempo, explicou que os procesos administrativos relacionados co empadroamento ou cos permisos de residencia das persoas desprazadas están finalizados ou en fase de finalización.

 

A subdelegada lembrou que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra permanece a enteira disposición das organizacións ás que lles ofreceu “máxima colaboración e diálogo permanente” co fin de acadar unha pronta e efectiva integración social, cultural e laboral das familias chegadas Afganistán.

 

Así, fixo un balance “moi positivo” do traballo desenvolvido por parte das dúas entidades ás que lles agradeceu “o compromiso e o esforzo realizado ao longo das últimas semanas ante esta situación de emerxencia humanitaria”. “Tanto a Cruz Vermella como Diversidades Acolle”, sinalou, “son organizacións cunha dilatada traxectoria en programas de protección que afrontaron con solvencia a resposta a primeiras necesidades como a alimentación e a atención sanitaria e que agora xa avanzan na integración dos solicitantes de asilo”.

 

Larriba tamén agradeceu e puxo en valor o traballo desenvolvido pola Brigada Provincial de Estranxeiría para axilizar os trámites administrativos e ofreceu máxima colaboración por parte da Subdelegación no relativo aos procesos que poidan implicar servizos desta administración.

 

                                Operación  Antígona Afganistán

O traslado desde Afganistán e a acollida das persoas refuxiadas foi organizado polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, dentro do dispositivo da Operación  Antígona Afganistán que xestiona e coordina o Goberno de España.

O obxectivo do sistema de acollida do Goberno é axudar aos solicitantes de asilo e ás súas familias para integrarse e construír unha nova vida en España. Durante o período de participación neste programa acompáñaselles e préstaselles apoio para que adquiran as habilidades necesarias para ser o máis independentes posible.

O proceso comezou na Instalación Provisional de Tránsito construída na base aérea de Torrexón de Ardoz. Alí, unha vez os cidadáns aterraron en España e manifestaron a súa vontade de asilo, foron derivados a unha praza de acollida. Os recursos están xestionados por entidades pero financiados integramente polo Ministerio de Inclusión.