Maica Larriba alerta sobre o crecemento do ciberacoso e subliña o compromiso do Goberno na loita contra a violencia nos centros de ensino

04/11/2021

A subdelegada fixo referencia “á necesidade de que os mozos e mozas desenvolvan capacidade crítica fronte as situacións de acoso que poidan darse, non só nas aulas e nos patios, senón tamén en internet e nas redes sociais”.


Pontevedra, 4 de novembro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, alertou hoxe sobre o “preocupante” crecemento do ciberacoso, unha forma de violencia nas aulas que segundo datos do último informe emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional supón xa o 29,1% de todos os casos de acoso escolar. A subdelegada ofreceu estas cifras coincidindo co Día Internacional contra a Violencia e o Acoso na Escola, xornada na que se achegou ao IES a Paralaia de Moaña para participar nunha charla sobre acoso e ciberacoso ofrecida por axentes da Garda civil no marco das actividades do Plan Director para a convivencia e a seguridade escolar na Provincia de Pontevedra.

A subdelegada advertiu que o ciberbullyng medrou coa pandemia de Covid-19 debido a que as relacións sociais se trasladaron a escenarios dixitais e, porén, apelou á necesidade de que “os mozos e mozas desenvolvan capacidade crítica fronte as situacións de acoso que poidan darse, non só nas aulas e nos patios, senón tamén en internet e nas redes sociais”. Os datos do propio informe ministerial sosteñen que a principal plataforma onde se produce ciberacoso é WhatsApp seguida de Instagram.

Maica Larriba dirixiuse directamente ao alumnado de 1º de ESO presente na charla para asegurar que o bullyng “é unha forma terrible de violencia entre iguais da que calquera de vós pode ser vítima”. “Por iso”, engadiu, “non podedes ser pasivos nin estar á marxe ante un caso de acoso, porque a vosa neutralidade pode ter moi graves consecuencias”.

Así, a subdelegada do Goberno en Pontevedra puxo de relevo o “compromiso firme do Goberno na posta en marcha de actuacións fronte o acoso escolar e a favor da convivencia, como son as que se concretan no Plan Director”. “É fundamental seguir traballando a prol da concienciación con iniciativas coma esta ante un problema prioritario que chega a afectar ao 44% dos estudantes de entre 7 e 14 anos”, destacou.

Maica Larriba agradeceu a cordialidade dos docentes do centro pola súa recepción e polo traballo que realizan na formación dos nenos e nenas tamén en materia de convivencia e loita contra a violencia e o acoso. Ao mesmo tempo, agradeceu á Garda Civil a súa proximidade ao alumnado e a calidade destas charlas dirixidas aos menores.

No transcurso da actividade desta mañá proxectouse a curtametraxe sobre o acoso escolar gravado no CPI O Toural de Vilaboa que chegará a todos os centros escolares de Galicia e de España que queiran participar no Plan Director. O vídeo está tendo unha magnífica acollida tanto pola súa calidade como pola mensaxe clara e contundente que transmite.

Os axentes da Garda Civil dirixíronse “de ti a ti” ao alumnado ofrecendo exemplos claros, directos e moi prácticos sobre situacións de acoso escolar e ciberacoso en redes sociais.

En 2019 participaron no Plan Director na provincia de Pontevedra máis de 40.000 alumnos e alumnas, 1.064 profesores e case 2.000 pais e nais. Ese ano celebráronse en Pontevedra 476 cursos sobre o uso das novas tecnoloxías; 166 sobre acoso; 104 sobre violencia de xénero; 90 de drogas e 21 sobre bandas xuvenís. A pesar da pandemia, este ano estase rexistrando un enorme interese por participar no Plan de modo que se agarda superar as cifras de 2019.