José Miñones anima ás entidades locais a presentarse ao programa do Goberno cunha liña de 5,7 M€ para proxectos de eficiencia enerxética en Galicia

10/11/2021

Apuntou a que Silleda é un exemplo de aproveitamento do Plan de Recuperación e subliñou os máis de 1,3 millóns de inversións no municipio neste 2021. O delegado do Goberno anunciou que na provincia de Pontevedra se investirán 6,4 millóns de euros en proxectos para implantar internet de alta velocidade, dos que se beneficiarán 58 concellos e case 18.000 familias e empresas


Silleda, 10 de novembro de 2021.- O delegado do Goberno, José Miñones, animou hoxe aos 252 municipios galegos incluídos no Plan do reto demográfico do Goberno a presentar proxectos ao programa DUS-5000 mediante o que se concederán liñas directas de axuda a investir en iniciativas de enerxía limpa e mellora da eficiencia enerxética. O Goberno de Pedro Sánchez destina a esta convocatoria contemplada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, 5,7 millóns de euros para Galicia.

José Miñones realizou este chamamento no transcurso dunha visita institucional a Silleda, municipio tamén incluído neste programa de reto demográfico. O delegado do Goberno enmarcou a iniciativa “nos compromisos do Goberno coa transición ecolóxica xusta, a sostibilidade e a loita contra o despoboamento, porque vivir nun pequeno concello ten que ser un privilexio e non unha traba”.

As axudas directas do programa DUS-5000 poderán destinarse a actuacións singulares de enerxía limpa, como son a mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas, ao fomento de investimentos verdes e de autoconsumo, á redución da contaminación lumínica ou á mobilidade sostible.

Acompañado polo alcalde, Manuel Cuiña, e pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o delegado do Goberno puxo a Silleda como “exemplo de aproveitamento da oportunidade histórica que está a traer o Plan de Recuperación do Goberno para transformar as nosas vilas e cidades”. “O Goberno de Pedro Sánchez ten vocación municipalista e demóstrao con feitos e apoio real, como poñen de manifesto os máis de 1,3 millóns  de investimentos en Silleda neste 2021 en actuacións que se farán sentir no día a día da veciñanza”, engadiu.

José Miñones afirmou que as obras de mellora da mobilidade peonil na rúa Progreso, que hoxe se visitou, son unha mostra deste compromiso municipalista.Cun investimento de 681.000 euros procedentes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico “esta actuación converterá o corazón de Silleda nun espazo máis verde, eficiente e máis sostible, tal e como marcan as prioridades da Axenda 2030 no eido das recuperación de espazos para as persoas”, explicou o delegado do Goberno.

Así mesmo, nos 1,37 millóns de euros investidos en Silleda tamén se contemplan actuacións como a musealización do Castro de Toiriz (519.864 €), a ampliación da rede de calor de biomasa (156.565 €) ou actividades de sensibilización sobre a violencia de xénero (13.696 €).

Programa ÚNICO-Banda Ancha

José Miñones aproveitou a visita ao municipio dezao para anunciar que o Concello de Silleda vén de ser incluído no Programa ÚNICO-Banda Ancha do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital para a extensión da banda ancha, “unha importante aposta do Goberno para que a conexión a internet de alta velocidade chegue de verdade a todo o territorio galego en igualdade”.

O delegado do Goberno adiantou que na provincia de Pontevedra se investirán 6,4 millóns de euros en proxectos de mellora da conectividade, dos que se beneficiarán 58  concellos e case 18.000 familias e empresas. “En Silleda”, engadiu, “executaremos 88 proxectos para levar a banda ancha de última xeración ata 171 vivendas, porque o futuro, ademais de verde é dixital”.