José Miñones destaca que o Goberno destina 3,8M € para mellorar a prestación farmacéutica e promover o uso racional dos medicamentos en Galicia

17/11/2021

O Consello de Ministros aprobou onte unha transferencia á Comunidade Autónoma por valor de 2,27 millóns para mellorar a eficiencia e sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde no ámbito da prestación farmacéutica
O Goberno aprobou tamén unha segunda transferencia de 1,53 millóns de euros para promover o uso racional de medicamentos


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe que o Goberno de Pedro Sánchez transferirá á Xunta un total de 3,8 millóns de euros para mellorar a prestación farmacéutica e promover o uso racional de medicamentos.

José Miñones anunciou que o Consello de Ministros aprobou onte unha achega de 2,27 millóns de euros para mellorar a prestación farmacéutica en Galicia. As comunidades autónomas poderán empregar esta axuda para modernizar estruturas, equipamentos e tecnoloxías dos centros sanitarios, desenvolver proxectos de e-saúde ou executar programas de mellora do uso de produtos sanitarios.

Así mesmo, o delegado informou de que o Goberno de España acordou tamén transferir á Xunta de Galicia 1,53 millóns de euros para o desenvolvemento de programas que favorezan o uso racional de medicamentos entre os profesionais sanitarios e a poboación xeral.

Neste sentido, José Miñones quixo destacar “a aposta decidida do Goberno de Pedro Sánchez por impulsar a coordinación e eficacia para abordar os proxectos de modernización, mellora e transformación que requiren os novos retos de saúde pública”.

O delegado do Goberno lembrou que o Executivo aspira a conseguir un Sistema Nacional de Saúde “máis forte, resiliente e cohesionado e con tal fin mantén un diálogo e colaboración permanente coas comunidades”.

En total, o Goberno de España  distribuirá, con este último paquete de achegas, 69 millóns de euros entre as 19 comunidades e cidades autónomas. O Executivo completa así as transferencias ás comunidades procedentes do convenio subscrito entre o Goberno de España e  Farmaindustria.