A Subdelegación do Goberno desprega unha pancarta con motivo do 25N

19/11/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participa na colocación dunha pancarta na fachada do edificio da Subdelegación para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, participou hoxe na colocación dunha pancarta con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que permanecerá pendurada no exterior da fachada principal do edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra ata o próximo mércores 25 de novembro.

Maica Larriba lembrou que este acto simbólico enmárcase nunha serie de accións, na Subdelegación do Goberno de Pontevedra e no resto de Subdelegacións de Galicia, que teñen como obxectivo contribuír a concienciar sobre unha das “maiores lacras da nosa sociedade, que sofre unha de cada dúas mulleres en España”.

Neste sentido, Larriba recordou que a Delegación do Goberno e as catro Subdelegacións de Galicia están a organizar case unha trintena de actos para conmemorar este día.

1.266 casos de violencia de xénero na provincia

A subdelegada do Goberno avanzou tamén que na actualidade “na provincia rexístranse 1.266 casos activos de violencia de xénero”, segundo os datos que constan no Sistema de Seguimento Integral Vioxén. Atendendo a distribución das vítimas por grupos de idade, 15 son menores de 18 anos; 326 teñen entre 18 e 30 anos; 551, entre 31 e 45 anos; 333, entre 46 a 64 anos; e 41, 65 anos ou máis. Ademais, no que vai de ano, o 016 – o servizo gratuíto e telefónico de información e de asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero- recibiu 950 chamadas desde a provincia.

A subdelegada quixo chamar a atención sobre “o preocupante aumento no numero de vítimas de violencia de xénero menores de idade”. Neste sentido, Larriba subliñou a “importancia que continúa a ter traballar a prol dunha maior concienciación e sensibilización; porque por desgraza a violencia contra as mulleres segue producirse, en todos os grupos e a todos os niveis, e so con educación e sensibilización poderemos conseguir unha sociedade libre de todo tipo de violencias machistas”.