María Rivas analiza co alcalde de Cambre os problemas de tráfico no concello para avaliar solucións

María Rivas analiza co alcalde de Cambre os problemas de tráfico no concello para avaliar solucións

11/01/2022

A subdelegada do Goberno lembra que a importancia das obras do cruce de Sol y Mar, en Oleiros, cun investimento de 9,8 millóns de euros

A subdelegada e o xefe da Demarcación de Estradas en Galicia estudarán a situación exposta polo Concello

María Rivas destaca a boa sintonía co alcalde de Cambre para traballar de cara a mellorar a vida da veciñanza

A obra de Sol y Mar empezou en decembro de 2020


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, analizou co alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, os problemas de tráfico no concello derivados das obras do cruce de Sol y Mar. O obxectivo da xuntanza é avaliar solucións.

Xunto co xefe de Demarcación de Estradas de Galicia, Ángel González, e a directora da área de Fomento da Delegación do Goberno, Ana Quintairos, a subdelegada mantivo un encontro de traballo co alcalde de Cambre. Comprometeuse a analizar a situación exposta polo concello de Cambre e estudar posibles solucións para aliviar a a situación actual.

María Rivas destacou a boa sintonía co alcalde de Cambre para traballar de cara a mellorar a vida da veciñanza. A meta é solucionar a actual conxestión derivada dunha obra de vital importancia para a área metropolitana da Coruña.

Cun investimento de 9,8 millóns de euros e un prazo de execución de 34 meses, a nova ligazón no punto quilométrico 5,2 da AC-12 prevé a construción dunha glorieta elevada, a ordenación de accesos e os cruces peonís con seguridade, ao longo de 0,6 quilómetros.

A nova ligazón é de tipo diamante con glorieta superior. O tronco da AC-12 discorrerá soterrado entre muros pantalla de pilotes, o que permitirá aloxar no nivel superior da ligazón unha glorieta en superficie que resolverá os movementos coa Avenida das Mariñas e a AC-174 (Rúa Areal).

O tramo soterrado da AC-12 contará con calzadas de dous carrís para cada sentido de circulación, separadas por un sistema de contención de vehículos ríxido. A ambas as marxes da nova rasante da AC-12 situaranse os ramais da ligazón, que á súa vez actuarán como vías de servizo para acceso ás propiedades lindeiras.

O proxecto contempla a reposición de servizos urbanos afectados e a execución de diversas actuacións de integración estética e paisaxística da contorna da ligazón. O procedemento construtivo da infraestrutura deseñouse para que sexa posible manter en todo momento a circulación de tráfico rodado a través da estrada AC-12, minimizando as afeccións ao mesmo.