María Rivas sitúa a Noroeste Obradoiro como exemplo a seguir dunha artesanía galega motor da economía, innovadora e que aporta valor engadido e prestixio

María Rivas sitúa a Noroeste Obradoiro como exemplo a seguir dunha artesanía galega motor da economía, innovadora e que aporta valor engadido e prestixio

16/01/2022

A subdelegada do Goberno coñece o traballo da xoeiría que vén de gañar o XIV Premio Nacional de Artesanía na categoría de Produto

Unha colección de colares, pulseras e pendentes do obradoiro compostelán foi recoñecida polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo

María Rivas felicita a Jose Castro polo traballo que lidera acompañada por Irene Mariña Camba e xunto ao fundador do proxecto, Antonio Ibáñez

A subdelegada destaca a innovación, o deseño e a capacidade de adaptación ao mercado de Noroeste Obradoiro

A xoeiría premiada ten un importante arraigo na capital galega, onde os seus deseños buscan a sinerxia co perfil de cada cliente


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, situou hoxe a Noroeste Obradoiro como exemplo a seguir dunha artesanía galega motor da economía, innovadora e que aporta valor engadido e prestixio. Explicouno tras coñecer o traballo desta xoeiría que vén de gañar o XIV Premio Nacional de Artesanía na categoría de Produto.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo premiou a Colección Liña de Noroeste Obradoiro por aplicar a filosofía de que as pezas sexan belas, sensibles e conteñan o imprescindible e só o necesario. A colección nace en torno ao concepto da liña, que pode ser simple ou composta, recta ou curva, pero sempre desposuída.

“Apenas cun sinal para facela orgánica, pero deixando sempre presente o valor da simplicidade xeométrica e unha textura delicada sobre o metal, ouro ou prata, que o converte en pel. A colección é un conxunto de colares, pulseiras e pendentes, en ouro, en prata e mixtos, ocasionalmente con mínimos engadidos de pequenas pedras de cor ou diamantes, en engastes sinxelos”, explica o fallo do xurado.

Nunha visita a Noroeste Obradoiro, María Rivas felicitou a muller que lidera o proxecto, Jose Castro, polo traballo que realiza acompañada por Irene Mariña Camba e xunto ao fundador do proxecto, Antonio Ibáñez. Alí constatou o bo traballo dunha xoiería que ten un importante arraigo na capital galega dende 1993, onde os seus deseños buscan a sinerxia co perfil de cada cliente.

María Rivas destacou a innovación, o deseño e a capacidade de adaptación ao mercado de Noroeste Obradoiro. O seu espírito coincide plenamente co que busca o Premio Nacional de Artesanía, pois é unha empresa que fai do sector un motor de economía, emprego e innovación, ao tempo que aporta valor engadido e prestixio.

O sector artesán representa en España un 2,4% do PIB industrial. Nos últimos anos, está constatado un incremento da súa produtividade media e da competitividade das súas empresas grazas á incorporación das TIC, a coperación e a unha maior orientación cara a comercialización do produto. Uns avances acompañados por novos perfiles profesionais como as que forman parte de Noroeste Obradoiro.

XIV PREMIO NACIONAL DE ARTESANÍA - PRODUTO

María Rivas detallou que para este premio o xurado valorou a calidade técnica e formal, a adaptación ao mercado e a potencialidade comercial, a capacidade para transmitir á sociedade valores positivos relacionados coa artesanía, contribuíndo á súa promoción e valorización e a responsabilidade social e ambiental.

Tamén tivo en conta acreatividade e innovación, aplicadas aos valores conceptuais, formais e técnicos, o deseño, o desenvolvemento de produto, as estratexias comerciais e de márketing ou as formulacións de presentación do produto; e, por outra banda, o compromiso coa evolución da artesanía contemporánea e coa difusión, promoción e pedagoxía da artesanía como práctica creativa.