A delincuencia diminuiu un 2,98% en Sarria no ano 2017

Imagen de la Junta Local de Seguridad

21/09/2018


A subdelegada do Goberno e a alcaldesa de Sarria copresidiron a xuntanza na que tamén se fixo balance das accións desenvolvidas para mellorar a convivencia e a seguridade nos centros de ensino sarriáns

A Garda Civil esclareceu o 64,37% das denuncias por infraccións penais graves e menos graves, detivo 23 persoas e investigou outras 27 por distintos delictos


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, copresidiron esta mañá a reunión da xunta local de seguridade do municipio, na que analizaron a evolución da delincuencia durante o ano pasado e informaron das accións que se desenvolveron no último curso académico para mellorar a convivencia e a seguridade nos centros de ensino de Sarria, entre outros asuntos. Ademais da subdelegada e da alcaldesa, na reunión participaron representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

Tanto a subdelegada do Goberno como a alcaldesa de Sarria constataron na reunión o descenso da delincuencia rexistrada ao longo do ano pasado no municipio, que experimentou unha diminución do 2,98% respecto do ano anterior.

EVOLUCIÓN DA DELINCUENCIA

Segundo os datos oficiais presentados esta mañá pola xunta local de seguridade, a taxa de criminalidade en Sarria sitúase nas 24,33 infraccións por cada mil habitantes, esta cifra é máis de tres puntos inferior á media galega e 19 puntos e medio menos que a media española.

As estatísticas da Garda Civil que se espuxeron na xuntanza revelan que a delincuencia experimentou un descenso do 2,98% en Sarria no ano 2017 con respecto ao ano anterior. A taxa de esclarecemento dos delictos de maior consideración (graves e non graves) foi do 64,37%, xa que se resolveron 103 dun total de 160, o que supón un aumento de 3,48% puntos porcentuais respecto ao ano anterior, cando se resolveran 95 dos 156 delictos de maior gravidade coñecidos. Ademais, os axentes da Garda Civil de Sarria detiveron o ano pasado 46 persoas pola súa presunta participación en feitos constitutivos de delicto e investigaron outras 53.

CONVIVENCIA E SEGURIDADE ESCOLAR

A subdelegada deu conta, tamén, do traballo realizado nos centros de ensino de Sarria dentro do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar. Este plan pretende reforzar a prevención e vixianza nos centros escolares, poñendo á súa disposición a aseistencia técnica necesaria para previr e abordar os episodios que poidan ameazar a convivencia escolar, así como dar a coñecer ao alumnado, pais e profesoras os problemas de seguridade aos que están máis expostos os menores.

No pasado curso escolar, a Garda Civil impartiu 11 charlas sobre temática de especial importancia para a seguridade da xente moza en centros escolares do concello de Sarria. As charlas trataron sobre violencia de xénero, acoso escolar, alcohol e outras drogas e os riscos na Internet. Estas actividades súmanse ás 7 charlas sobre riscos na Internet, acoso escolar e prevención de incendios forestais impartidas no curso 2016/2017. Para o curso que acaba de comezar, a Garda Civil de Sarria xa ten prevista a organización de 3 conferencias sobre os riscos das Novas tecnoloxías no CPR Ntra. Sñra. da Asunción, que quedaran aprazadas o pasado curso a petición do centro escolar.