Maica Larriba agradece en nome dos cidadáns a labor da Policía Nacional no seu 195 aniversario

Maica Larriba agradece en nome dos cidadáns a labor da Policía Nacional no seu 195 aniversario

14/02/2019


A subdelegada do Goberno en Pontevedra preside na comisaría a celebración


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba participou hoxe na celebración do 195 aniversario de creación da Policía Nacional celebrado na comisaría de Pontevedra xunto a comisaria provincial, Estíbaliz Palma e o tenente coronel xefe da Garda Civil, Manuel Touceda.

O acto tamén serviu para entregar diplomas e medallas a varios membros da Policía Nacional en recoñecemento da súa labor cando pasan a situación de xubilación. A subdelegada comezou a súa intervención agradecendo a todos o seu compromiso coa cidadanía. “O voso traballo ao longo dos últimos anos fixo de Pontevedra unha  cidade máis segura para todos e quero unir as miñas palabras aos cidadáns e cidadás de para darvos as grazas”.

Facendo historia, Larriba, recordou que foi “o rei Fernando VII quen promulga en 1824 unha cédula para dotar ás cidades dunha estrutura de seguridade. Con dúas características moi importantes. Protexer os dereitos dos cidadáns e perseguir a aqueles que os vulneran para poñelos en mans da Xustiza”.  “Quizá unha das mellores ideas do rei nese período absolutista”, concluíu Larriba.

“É a Constitución de 1978 –continuou a subdelegada- a orixe do que hoxe coñecemos como o Corpo Nacional de Policía. É o artigo 104 da Carta Magna a que outorga aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, dos cales sodes un alicerce fundamental, encoméndaa de protexer o libre exercicio dos dereitos, liberdades e garantir a seguridade cidadá. Unha misión fundamental nun estado de dereito como o que vivimos”.

A subdelegada subliñou que “os riscos inherentes á vosa profesión pola que reitero os cidadáns deste país debemos estar agradecidos”.

Por último, a subdelegada recoñeceu que os últimos anos foron moi duros para a plantilla da Policía Nacional polo escaso nivel de substitución das baixas pero “tamén sabedes o compromiso deste Goberno por ir revertendo esta situación”. Finalmente a subdelegada agradeceu a todos os membros da comisaría e en especial aos seus mandos polo grado de cooperación demostrado dende o primeiro momento da súa toma de posesión.