O subdelegado do Goberno en Ourense expresou hoxe a súa gran satisfacción tralo anuncio do Goberno

05/04/2019


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, destaca a importancia que ten para a provincia de Ourense a candidatura que presentará o ministerio de Cultura na UNESCO

A decisión deuna a coñecer hoxe o director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca, que presidiu o Consello de Patrimonio Histórico celebrado en Santo Estevo, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín


O subdelegado do Goberno, Emilio González, expresou hoxe a súa gran satisfacción tralo anuncio de que o Goberno de España defenderá na UNESCO a candidatura da Ribeira Sacra á declaración de ben Patrimonio Mundial. A decisión deuna a coñecer este mediodía o director xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura, Román Fernández-Baca, que presidiu o Consello de Patrimonio Histórico celebrado durante dous días en Santo Estevo, no concello ourensán de Nogueira de Ramuin. Deste organismo, que preside o Ministerio de Cultura, forman parte tamén representantes de todas as comunidades autónomas.

O subdelegado do Goberno declarou que é unha gran noticia para a provincia e para Galicia. Emilio González  destacou  que a presentación polo ministerio de Cultura da candidatura da Ribeira Sacra na UNESCO é o primeiro paso fundamental para un nomeamento que ten repercusión mundial e contribuirá de xeito decisivo á difusión e protección dun ben que atesoura valores culturais, paisaxísticos e etnográficos. Un orgullo para a provincia de Ourense que con esta boa nova, destacaría unha vez máis polos seus recursos e bens naturais.

Na provincia de Ourense terá unha importante  relevancia cultural e, tamén, económica a declaración do Patrimonio Mundial.

O ministerio de Cultura presentará a candidatura da Ribeira Sacra á declaración como Patrimonio Mundial ao comité da UNESCO de 2021.