A Subdelegación do Goberno en Lugo colabora coa Xunta nun simulacro de incendio forestal nos Ancares

Imaxe do posto de mando

04/06/2019

Isabel Rodríguez participou no simulacro no que se puxo a proba a resposta das administracións e a coordinación nunha situación de emerxencia por incendio forestal

Unha trintena de membros da Garda Civil, do Seprona, Seguridade Cidadá e Tráfico, xunto con representantes de Protección Civil, colaboraron no simulacro


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, participou hoxe nun simulacro de incendio forestal nos concellos de Baralla e Baleira, organizado para poñer a proba a resposta a unha situación de emerxencia destas características e reforzar a coordinación dos distintos medios autonómicos e do Estado. O simulacro, organizado pola Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta, contou coa colaboración de distintos servizos da Administración do Estado. A subdelegada do Goberno reuniuse no posto de mando co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta, Xosé Manuel Balseiro.

A subdelegada explicou que “o Goberno colabora neste simulacro, como fai todos os anos na Campaña de prevención e loita contra os incendios forestais” e lembrou que “o Estado activa anualmente todos os mecanismos da súa titularidade, como poden ser a Garda Civil, Tráfico, Protección Civil ou o Exército para completar os da Comunidade Autónoma que ten as competencias”.

 

No simulacro realizado hoxe, traballouse coa hipótese dun incendio forestal de Nivel 2 no que as lapas, orixinadas en Córneas (Baleira) porían en perigo zonas habitadas do lugar de Teixeira de Arriba, na parroquia de Penarrubia (Baralla), o que obrigaría ao desaloxo de veciños, así como ao corte de estradas. Ademais dos medios de loita contra os incendios despregados pola Xunta, no simulacro participaron  membros da administración do Estado como Protección Civil e unha trintena de efectivos da Garda Civil, con persoal do Seprona, Seguridade Cidadá e de Tráfico.

“Colaboramos así coa Dirección Xeral de Emerxencias para ter a punto e coordinados todos os medios das dúas administración no caso dunha emerxencia deste tipo, que ogallá non se produza”, declarou Isabel Rodríguez que destacou o papel da Garda Civil durante todo o ano na loita contra o lume.  Así, indicou que “precisamente estes días, a Garda Civil vén de imputar ao presunto responsable dun incendio rexistrado o día 6 de maio no lugar da Campa, no concello de Folgoso do Courel. Logo das investigación efectuadas, imputouselle a autoría dunha imprudencia grave que causou ese lume a un home de 67 anos veciño do Courel”.