A subdelegada do Goberno na provincia de Lugo pide máis implicación social na loita contra a violencia de xénero

La subdelegada del Gobierno acompañada por las responsables de Igualdad y Violencia de Género de la Delegación del Gobierno

11/06/2019


Isabel Rodríguez destaca que hai 478 casos activos de violencia machista na provincia e nos catro primeiros meses do ano presentáronse 104 denuncias na Garda Civil e a Policía Nacional

A responsable de Igualdade da Delegación do Goberno calcula que a provincia de Lugo gasta cada ano máis de 165 millóns de euros por causa da violencia de xénero


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, pediu hoxe unha maior implicación social na loita contra a violencia machista, xa que “non caben a indiferenza ou a pasividades, a única resposta digna contra esta lacra é a protección da vítima e a denuncia contra o agresor” e destacou que actualmente o sistema VIOGEN de seguimento das vítimas ten 478 casos activos na provincia de Lugo, 2 deles de risco alto.

A subdelegada deu estes datos na presentación do estudo “O impacto da violencia de xénero en España: unha avaliación dos seus custes en 2016”, elaborado pola Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, que correu a cargo da responsable da área de Igualdade e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Galicia, María Debén e Enmanuela Díaz, respectivamente. Ao acto asistiron a alcaldesa de Lugo e os rexedores municipais de Monforte e Xermade, así como representantes da Xunta e a Deputación, o presidente e o fiscal xefe da Audiencia Provincial, o coronel xefe da Garda Civil e o comisario xefe da provincia, entre outras autoridades, así como representantes de distintos colectivos sociais e entidades cidadás.

 

Isabel Rodríguez manifestou que “este é un dos problemas máis graves ao que lle temos que facer fronte, como reflicten as estatísticas da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero” e informou de que nos catro primeiros meses do ano, a Garda Civil e a Policía Nacional rexistraron na nosa provincia 104 denuncias por violencia de xénero. Ademais, a 30 de abril había 34 usuarias activas do sistema de protección ATENPRO e 4 dispositivos electrónicos de seguimento operativos. E, entre xaneiro e marzo, 90 mulleres lucenses vítimas de violencia de xénero eran perceptoras dunha renda activa de inserción.

“Todos estes datos, referidos só a provincia de Lugo, retratan a impresionante dimensión dun fenómeno ao que toda a sociedade lle debe plantar cara”, indicou a subdelegada. Por iso, explicou, “o Goberno de Pedro Sánchez deulle prioridade absoluta” e nestes meses, ademais de devolverlle as competencias aos concellos, “fomentamos a súa implicación nesta loita e logramos, en menos dun ano, a creación de 3 novas Mesas locais de coordinación noutros tantos concellos e avanzamos con outros 5 concellos para que as súas policías locais axuden a dar protección ás vítimas”.

O CUSTE ECONÓMICO

Pola súa parte, a responsable de Igualdade e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Delegación do Goberno destacaron os abrumadores datos que pon de manifesto o  estudo do impacto da violencia de xénero en España, que cifra en ata 8.540 millóns de euros o custe da violencia machista para a sociedade. No apartado de custe intanxible, o estudo indica que pode chegar a outros 14.800 millóns de euros, na estimación menos conservadora.

“Estamos falando dunha cantidade total aproximada duns 23.000 millóns de euros ao ano, é dicir que a cada español a violencia de xénero suponlle un custe anual de 499 euros”, remarcou María Debén e explicou que o gasto anual que se calcula para a provincia de Lugo é de 165 millóns de euros.

A Unión Europea estima, como promedio, nun 0,8 por cento do Produto Interior Bruto o custe da violencia de xénero en cada estado do continente