A subdelegada do Goberno avanza que a Seguridade Social fará melloras no Centro de Atención de Monforte de Lemos

Imaxe da visita

23/09/2019


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, e o alcalde, José Tomé, visitaron as instalacións do CAISS de Monforte co director provincial do INSS

Rodríguez indicou que o proxecto de reforma integral das instalacións da Seguridade Social ten por obxecto dar a mellor atención posible aos veciños do sur da provincia

O alcalde explicou que fixo xestións coa subdelegada e o director provincial da Seguridade Social para mellorar as oficinas

O CAISS de Monforte dá servizo a unha poboación potencial de 100.000 persoas do sur da provincia e cada mes atende a 1.400 usuarios


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou hoxe que o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social fará melloras no Centro da Seguridade Social de Monforte de Lemos. A subdelegada do Goberno fixo este anuncio logo de visitar o CAISS de Monforte de Lemos, xunto co alcalde, José Tomé, e co director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude.

A subdelegada explicoulle ao alcalde que unha das prioridades que se marcou ao asumir o cargo, hai pouco máis dun ano, “foi a de que a Administración do Estado lle dea a mellor atención posible aos veciños e veciñas da provincia de Lugo, e, dentro dese obxectivo, enmárcanse as xestións feitas para dotar das máis axeitadas instalacións aos usuarios da Seguridade Social na provincia de Lugo”.

“Froito desde traballo, logramos desbloquear, por fin, a construción dun novo CAISS en Viveiro, que foi licitada a semana pasada cun orzamento de case 1 millón de euros, e xa se traballa noutra importante actuación que ten a finalidade de dotar de mellores instalacións da Seguridade Social á cidade de Monforte”, manifestou.

Isabel Rodríguez informou a José Tomé das xestións feitas nos últimos meses polo responsable  do INSS na provincia coa finalidade de levar a cabo esta actuación. Así, comunicoulle que a dirección provincial do INSS de Lugo presentou un proxecto ao Ministerio para a mellora das instalacións, que xa conta co visto e prace da oficina técnica do INSS. Trátase de acometer unha reforma integral das oficinas que a Seguridade Social ten na cidade de Monforte, na rúa San Pedro, número 4.

O alcalde Monforte indicou que “éramos coñecedores de que este Centro tiña algunhas deficiencias, de climatización e por humidades, e solicitamos á subdelegación e á delegación da Seguridade Social en Lugo que fagan un proxecto de mellora para acondicionalo, dotándoo doa medios necesarios e da mellor distribución para dar servizo aos cidadáns e espero que esta actuación saia adiante o antes posible”.

Pola súa parte, o director provincial do INSS e da Tesourería Xeral da Seguridade Social detallou que o Centro de Atención de Información da Seguridade Social de Monforte presta servizo a unha poboación potencial de máis de 100.000 persoas no sur da provincia e atende cada mes unha media de 1.400 usuarios.

Remarcou ademais que o obxectivo desta actuación é actualizar unhas oficinas que quedaron obsoletas e que presentan un deficiente illamento, ademais de problemas recorrentes de filtracións. Coa reforma preténdese mellorar o confort dos usuarios e dos traballadores. Tamén se trata de potenciar a luminosidade dos espazos, gañando luz natural e facéndoos máis diáfanos e funcionais. Ademais, habilitarase unha zona de espera máis axeitada e espazos de autoxestión asistida para os cidadáns.