O Ministerio do Interior delega competencias na Subdelegación do Goberno en Ourense para resolver as solicitudes de axudas pola tormentas do pasado 8 de xullo

Imaxe das inundacións

29/10/2019


O subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, considera que esta delegación de competencias permitirá resolver os procedementos de concesión de axudas con maior celeridade e eficacia, dada a proximidade da Administración Periférica do Estado aos damnificados.

O Real Decreto-lei 11/2019, de 20 de setembro, recolle axudas para reparar os efectos en vivendas, establecementos, explotacións e infraestruturas, así como axudas a Corporacións Locais, beneficios fiscais, medidas laborais e no ámbito da Seguridade Social.


A Subdelegación do Goberno en Ourense, por delegación de competencias do Ministerio do Interior, terá capacidade plena para resolver os procedementos das solicitudes de axudas para paliar os danos producidos pola tormenta de sarabia e inundacións acontecidas o 8 de xullo de 2019 na provincia de Ourense.

A delegación de competencias comprende as relativas á autorización e compromiso de gasto, ao recoñecemento das obrigacións e á ordenación dos pagos que se deriven das axudas concedidas. En todo caso, a tramitación levarase a cabo de acordo co previsto no Real Decreto 307/2005, de 18 de marzo, que establece o procedemento de concesión de subvencións en situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica.

Para o subdelegado do Goberno en Ourense trátase dunha boa nova que implicará a proximidade da Administración Periférica do Estado aos damnificados, facilitando o traslado de información, axuda e colaboración coa clara finalidade de resolver os procedementos de concesión de axudas con maior celeridade e eficacia, paliando os danos causados nas vivendas e nos seus enseres, así como os gastos de emerxencia que levasen a cabo as Corporacións Locais.

O prazo para a petición das axudas remata o próximo día 20 de novembro de 2019. Afectados de Monterrei solicitaron información sobre as axudas para sufragar danos en vivendas e enseres como consecuencia das inundacións do mes de xullo.

O Consello de Ministros do 20 de setembro acordou declarar, a través do Real Decreto-lei 11/2019, a determinadas provincias e comunidades autónomas que sufriron temporais, inundacións, incendios forestais ou outras catástrofes naturais dende o pasado 1 de abril como “zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”. Entre elas, a provincia de Ourense pola tormenta de sarabia e inundacións acaecidas o pasado 8 de xullo.

Así mesmo, o Real Decreto-lei recolle axudas dirixidas a paliar os danos persoais e materiais sufridos polas familias na vivenda habitual ou nos enseres de primeira necesidade, así como os causados en establecementos mercantís, industriais ou de servizos.

Prevé tamén beneficios fiscais, medidas laborais e no ámbito da Seguridade Social, así como axudas a Corporacións Locais, á produción agrícola e gandeira e para a restauración medioambiental.

A estas axudas hai que sumar todas aquelas medidas, axudas ou subvencións que se poidan adoptar dende outras Administracións Públicas con competencias nos territorios afectados, fundamentalmente Comunidades Autónomas e Deputacións Provinciais polo que é fundamental asegurar a coordinación e a cooperación entre as diferentes Administracións Públicas implicadas, co fin de evitar duplicidades e solapamentos na tramitación.