Isabel Rodríguez garante a continuidade da Garda Civil en Láncara


A subdelegada, o alcalde e o coronel xefe da Comandancia buscan un local axeitado para o posto da Garda Civil, dado que este corpo de seguridade debe deixar as actuais instalacións

Na xuntanza, celebrada na Subdelegación do Goberno, estudáronse alternativas e os trámites necesarios para levar a cabo o traslado

04-12-2019

Banner del portal de transparencia

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, garantiu hoxe a continuidade da Garda Civil en Láncara trala xuntanza que mantivo co coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González Arias, e con unha delegación municipal encabezada polo alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, que estivo acompañado polos tenentes de alcalde Pablo Rivera e Begoña López.

A reunión, celebrada esta mañá na Subdelegación do Goberno, é continuidade de varios contactos mantidos  nos últimos meses para asegurar unha alternativa para o posto da Garda Civil, pois a Benemérita terá que deixar as dependencias que actualmente ocupa. 

Despois do encontro, a subdelegada afirmou que “por suposto, garantimos a continuidade do posto da Garda Civil no municipio de Láncara. Esa é a razón pola que estamos facendo as xestións, coa axuda do Concello, na busca de novas dependencias que poida ocupar o posto, xa que a Benemérita vese obrigada a abandonar as instalacións que utiliza na actualidade”.

Pola súa parte, o alcalde explicou que “levamos xa algún tempo mantendo reunións coa Subdelegación do Goberno e coa Comandancia para buscar un novo emprazamento para a Garda Civil en Pobra de San Xiao. O importante é que temos garantido que non vai marchar de Láncara e, por iso, estamos a buscándolle un local que cumpra cos requisitos necesarios e que sexa axeitado para este corpo de seguridade”.

Darío Piñeiro tamén aclarou que “hoxe tivemos unha reunión aquí, en Lugo, para concretar algúns temas administrativos e nos próximos días haberá noticias de onde será o novo local”.

Na xuntanza estudáronse varias alternativas, así como os trámites necesarios para levar a cabo o traslado da Garda Civil ás novas dependencias, que se están a buscar contando coa colaboración do Concello de Láncara. O encontro foi continuación doutra  xuntanza mantida semanas atrás co alcalde e outros responsables municipais, así como dunha visita efectuada a Láncara por mandos da Garda Civil.