Maica Larriba destaca a excelencia nos resultados da formación para o emprego na provincia de Pontevedra

Maica  Larriba destaca a excelencia nos resultados da formación para o emprego na provincia de Pontevedra

18/12/2019


A subdelegada do Goberno en Pontevedra participou na apertura oficial da xornada técnica sobre Formación Profesional organizada polo Servizo Público de Emprego na Confederación de Empresarios de Pontevedra. Nela tratáronse temas relacionados coas oportunidades na formación para os traballadores e traballadoras e as iniciativas empresariais do Ministerio de Traballo, Migración e Seguridade Social


Maica  Larriba inaugurou esta mañá na sede da CEP en Vigo, a xornada técnica sobre formación para o emprego, organizada xunto ao Servizo Estatal de Emprego (SEPE). A subdelegada do Goberno quixo felicitar ao servizo provincial polos excelentes resultados en Pontevedra, acreditados polas cifras indiscutibles en participación e en número de certificacións profesionais obtidos grazas aos programas do Ministerio de Traballo, Migración e Seguridade Social. A subdelegada do Goberno tamén quixo agradecer, aproveitando a presenza de Jorge  Cabreiros, Presidente da CEP,  “a colaboración do tecido empresarial de Pontevedra, apostando por seguir formando aos seus traballadores e traballadoras nun ciclo constante, servíndose de todas as oportunidades nos distintos programas dispostos polo Goberno”.

Así mesmo, felicitou á Directora Provincial do  SEPE, Marta Estrada, polos resultados en formación que sitúan á nosa provincia nos mellores postos na clasificación nacional “sendo Pontevedra un referente dentro do conxunto do Estado na planificación, organización e execución das accións formativas nas distintas iniciativas estatais de Formación para o Emprego”.

Tanto é así, que Pontevedra atópase no segundo posto nacional nas oferta formativa para traballadores ocupados, alcanzando un 21,02% do total nacional. Igualmente, escala ao cuarto posto entre todas as provincias en canto ao número de certificacións de profesionalidade e sitúase no noveno posto por circunscricións provinciais en canto á formación programada polas empresas cun 2,33% do total estatal, igualando a provincias como  Bizkaia, Asturias ou  Guipuzcoa.

Finalmente,  Maica  Larriba desexou que estes datos que melloran a empregabilidade e a produtividade, manteñan esta evolución para “seguir apoiando os datos en canto ao número de contratos que de maneira interanual conseguen un crecemento do 5,17% respecto a novembro do ano pasado e un descenso da taxa de desemprego do 2,8% na nosa provincia”.