Cambados impulsará a súa adhesión ao protocolo estatal do Sistema Integral da Violencia de Xénero VioGen

Cambados impulsará a súa adhesión ao protocolo estatal do Sistema  Integral da Violencia de Xénero VioGen

21/01/2020


Representantes da Subdelegación do Goberno e do concello de Cambados, acordaron a sinatura do protocolo de adhesión ao sistema de seguimento integral para os casos de violencia de xénero, dependente da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior


Representantes da subdelegación de goberno en Pontevedra acudiron esta mañá á Xunta Local de Seguridade en Cambados onde se fixo oficial a inclusión da localidade no sistema de seguimento integral  nos casos de violencia de xénero, VioGén, dependente do Ministerio de Interior. Xunto a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal e o concelleiro de seguridade cidadá, Tino Corral, asistiron membros dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado destinados na comarca do Salnés.

Desde a subdelegación do Goberno informouse de todas as fases a iniciar a partir de agora en canto á firma dos protocolos administrativos de seguridade dependentes da  Garda Civil e a Policía Nacional para coordinar este sistema integral que avalía a información sobre niveis de risco e seguimento, xunto á protección actualizada para as vítimas da violencia de xénero.

Este sistema integral VioGen, en funcionamento desde 2007, ten como obxectivos aglutinar ás diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero e integrar toda a información de interese que se estime necesaria. Ademais, desta maneira efectúase un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do "Subsistema de Notificacións Automatizadas", cando se detecte algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.