O concello de Xinzo de Limia sitúase como un dos concellos máis seguros de Galicia e o concello de Verín mantén estables os seus datos de delincuencia

O concello de Xinzo de Limia sitúase como un dos concellos máis seguros de Galicia e o concello de Verín mantén estables os seus datos de delincuencia

27/01/2020


En Xinzo de Limia constátase unha diminución da delincuencia do 25% con respecto ao ano anterior.

No concello de Verín os datos de delincuencia mantéñense en porcentaxes similares ás do ano anterior, salientando a aparición cada vez máis frecuente dos delitos telemáticos.

En ambos concellos deuse conta dos plans de autoprotección e de seguridade de cara ás vindeiras festas do Entroido.


Os concellos de Xinzo de Limia e de Verín acolleron esta mañá as reunións das Xuntas Locais de Seguridade nas que se realizou a análise e valoración da seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero nos devanditos concellos.

No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, manifestou que en Xinzo de Limia se constata unha diminución da delincuencia do 25% con respecto aos datos do ano anterior, destacando esta baixada tanto nos delitos contra o patrimonio como nos delitos contra as persoas, “o que sitúa a este concello como un dos máis seguros da comunidade autónoma”.

No concello de Verín os datos de delincuencia sitúanse en porcentaxes similares ás do ano anterior, salientando a aparición cada vez máis frecuente dos delitos telemáticos. O subdelegado do Goberno destacou que este segue a ser “un concello seguro e que todas as administracións e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado seguirán traballando para manter os niveis de seguridade acadados”. Así mesmo, agradeceu á Garda Civil as labores de control preventivo sobre a delincuencia levadas a cabo no Casco Antigo de Verín, que se seguirán intensificando.

Na Xunta Local de Verín tamén se expuxo a posibilidade de realizar un acordo entre Policía Local e Garda Civil de Tráfico para que sexan os axentes deste último corpo os que asuman as competencias de seguridade vial na vila durante o tramo nocturno pola semana. Igualmente se lle deu traslado á Subdelegación do Goberno da necesidade de situar unha dependencia para detidos no recinto do cuartel da Garda Civil.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Xinzo de Limia hai activos no sistema VioGen 15 casos deste tipo (9 na categoría de risco baixo e 6 na categoría de risco non apreciado) e en Verín hai activos 37 (1 na categoría de risco medio, 25 na categoría de risco baixo e 11 na categoría de risco non apreciado). Constátase que na maioría dos casos se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

Por último, deuse conta dos plans de autoprotección  e de seguridade previstos en ambos concellos de cara ás vindeiras festas do Entroido en función das previsións de afluencia de persoas nos diferentes actos públicos. 

As reunións de hoxe nos concellos leváronse a cabo baixo a presidencia compartida do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e dos respectivos rexedores municipais (a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane), acompañados pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; responsables da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil; e outros representantes locais.