O concello de Viana do Bolo rexistra unha diminución dos delitos e infraccións penais próxima ao 50%

O concello de Viana do Bolo rexistra unha diminución dos delitos e infraccións penais próxima ao 50%

10/02/2020


A taxa de infraccións penais por cada mil habitantes sitúase en 4.

Na reunión deuse conta dos plans de autoprotección e de seguridade de cara ás vindeiras festas do Entroido.


O Concello de Viana do Bolo acolleu esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se realizou a análise e valoración dos datos de seguridade cidadá, así como dos datos de violencia de xénero.

No tocante á seguridade cidadá o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, manifestou que en Viana do Bolo se constata unha diminución dos delitos e infraccións penais próxima ao 50% con respecto aos datos do ano anterior. É de destacar que a taxa de infraccións penais por cada mil habitantes  se sitúa en 4, o que supón un dos índices máis baixos de toda a comunidade autónoma. Obsérvase un lixeiro repunte dos delitos telemáticos, sen especial significación.

O subdelegado do Goberno amosou a súa satisfacción “pola labor que están a desenvolver as Forzas e Corpos de Seguridade a prol do benestar da cidadanía” e animounos a seguir traballando neste sentido. Igualmente destacou o esforzo da Garda Civil no medio rural levando a cabo “tarefas de protección e disuasorias e, en moitas ocasións, humanitarias nunha provincia envellecida e con núcleos de poboación que contan con escasos habitantes”.

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense indican que na actualidade en Viana do Bolo hai activos no sistema VioGen 2 casos deste tipo e en Vilariño de Conso hai activo 1. Constátase que en todos eles se conta con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación.

Respecto das previsións de seguridade de cara ás vindeiras festas do Entroido deuse conta dos plans de seguridade previstos e valorouse a posibilidade de contar cun plan de autoprotección no que participen todas as Forzas e Corpos de Seguridade, así como os efectivos de emerxencias, dadas as previsións de afluencia de persoas nos diferentes actos.

A reunión de hoxe levouse a cabo baixo a presidencia compartida do subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, e do rexedor municipal de Viana do Bolo, Secundino Fernández Fernández; acompañados pola xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o Xefe Territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; responsables da Garda Civil e da Policía Local; e outros representantes do Concello.