A subdelegada anuncia que a UME volve a Lugo para realizar traballos de desinfección na provincia

A subdelegada anuncia que a UME volve a Lugo para realizar traballos de desinfección na provincia

08/04/2020


Isabel Rodríguez supervisa a actuación, incluída na Operación Balmis, desde o Centro de Coordinación Operativa da provincia

A UME desprazou 61 efectivos para facer labores de desinfección en centros sanitarios e de maiores, entre outras instalacións


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) volve despregarse hoxe na provincia de Lugo, dentro da Operación Balmis de loita contra o virus do COVID-19, para realizar novos traballos de desinfección en distintas instalacións consideradas sensibles.

A subdelegada fixo este anuncio logo da xuntanza que mantivo esta mañá no Centro de Coordinación Operativa da provincia na que se planificou o traballo para a xornada e aproveitou para agradecer a valiosa colaboración que están a prestar as Forzas Armadas, tanto a UME como a BRILAT, para a protección da sociedade lucense fronte á pandemia do COVID-19.

Isabel Rodríguez explicou que a UME volve á provincia de Lugo, por segunda vez, desde a declaración do estado de alarma sanitaria. Na anterior ocasión, o día 24 de marzo, despregouse en seis concellos onde realizou labores de desinfección en centros sanitarios, residencias de maiores e noutras instalacións consideradas sensibles polo elevado número de persoas que se concentran nelas.

Na xornada de hoxe 61 efectivos da UME con 22 vehículos teñen previsto facer labores de desinfección en distintas instalacións situadas nos municipios de Lugo, Cospeito e Outeiro de Rei. Así, está programado que actúen en varias residencias de maiores, no HULA, nos centros de saúde de Muimenta e de Feira do Monte e na Casa do Concello de Cospeito, entre outros lugares.