Concello e Subdelegación do Goberno ratifican a participación da Policía Local de Ferrol no sistema Vioxen de loita contra a violencia machista

Concello e Subdelegación do Goberno ratifican a participación da Policía Local de Ferrol no sistema Vioxen de loita contra a violencia machista

09/07/2020

A Xunta Local de Seguridade aproba o protocolo de convenio que asinará o Concello co Ministerio do Interior para prorrogar a súa participación no operativo Vioxen


O Concello de Ferrol e a Subdelegación do Goberno da Coruña ratificaron a participación da Policía Local deste municipio no sistema Vioxen de loita contra a violencia de xénero, segundo acordou a Xunta Local de Seguridade reunida baixo a presidencia do alcalde Ángel Mato e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo.

A Xunta Local de Seguridade aprobou o protocolo de convenio que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio de Interior para regular a presencia da Policía Local no sistema Vioxen. Este protocolo, asinado inicialmente polo alcalde e a subdelegada, será remitido ao Ministerio para a súa validación e posterior sinatura por parte do director xeral do Ministerio de Interior e facer efectiva desta maneira a participación da cidade de Ferrol neste operativo.

O sistema Viogen permite á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais asumen o seguimento e control dalgúns destes casos, xeralmente daqueles que sexan considerados de nivel de risco baixo, mentres que a Policía Nacional se encarga dos casos máis graves.

Este protocolo establécese tras a creación da Mesa Local de Coordinación Policial na que están presentes a Policía Local e a Policía Nacional, ademáis da Policía Nacional Adscrita, e que ten como finalidade principal aunar esforzos na loita contra a violencia machista.

Pilar López-Rioboo trasladou ao alcalde o seu agradecemento polo esforzo realizado no desenvolvemento das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, tal como se evidencia nas medidas adoptadas e que culminarán coa prórroga da Policía Local dentro do sistema Vioxen.

Por iso, destacou a lealtade institucional, receptividade e colaboración do Concello e do seu alcalde nesta loita, que permitirá incrementar a coordinación e a propia loita contra a violencia machista xa que “posibilitará conseguir un mellor aproveitamento de tódolos recursos dispoñibles para previr este tipo de violencia a nivel local”.

Ao remate da reunión, a subdelegada do Goberno trasladou aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes na mesa o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nos últimos meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas. O alcalde de Ferrol tamén agradeceu á Policía Nacional e á Subdelegación do Goberno a súa cooperación leal e traballo durante as semanas nas que estivo vixente o estado de alarma garantindo que este periodo se desenvolvera en condicións de seguridade cidadá.